Poio remite á Xunta o informe de avaliación ambiental do PXOM
Por Redacción
O goberno municipal de Poio confía en que a Xunta de Galicia envíe "canto antes" as súas directrices para continuar tramitando o novo plan xeral de ordenación municipal (PXOM). Faino tras remitir o informe de avaliación ambiental deste documento.
Gregorio Agís, concelleiro de Urbanismo, agarda que a resposta do executivo autonómico a este informe chegue en "poucos meses" para que o Concello poida retomar os traballos do PXOM no último trimestre do ano.
A remisión deste informe lévase a cabo despois das achegas realizadas polos integrantes da mesa de traballo do PXOM, creada o pasado mes de maio e na que están representados os grupos da corporación municipal, ademais de técnicos municipais e o equipo redactor.
O edil sinala que a intención é volver a convocar esta mesa unha vez que se reciba a resposta da Xunta de Galicia, salientando, unha vez máis, a necesidade de que "todos realicemos as achegas que consideremos, sempre e cando teñan cabida desde o punto de vista técnico e cumprindo coa normativa, para lograr que Poio conte cun PXOM o máis completo posible".
Ademais de salientar a importancia de acadar un documento de consenso, que substitúa ao plan actual do ano 2000, o titular de Urbanismo tamén adianta que será unha vez que se reciba a reposta da Xunta sobre o informe ambiental cando se empece a traballar na configuración de ferramentas que tamén garantan a participación da cidadanía.
Será tanto para que os cidadáns se informen sobre este proceso como para que poidan realizar as achegas que consideren oportunas. Para iso, o Concello apostará por iniciativas de carácter telemático a través da páxina web municipal e pola convocatoria de reunións presenciais.