Unha veciña de Praceres denuncia que o mal arranxo do camiño veciñal lle impide circular coa súa cadeira de rodas
Por Mónica Patxot & María José Pita
Con area e cachos de asfalto. Tras anos de reclamacións, así foi a última actuación do Concello de Pontevedra sobre o camiño que leva ata a casa de Encarna Soto Soto, unha muller de 52 anos, veciña de Praceres e con discapacidade intelectual, á que lle resulta imposible transitalo coa súa cadeira de rodas motorizada.
"Xa ves como se lle enterran as rodas no pichi", sinala a súa nai, Encarna Soto Farto. O problema atópase en que "a miña filla ponse moi nerviosa cando ve que non avanza, e logo que cando ten que vir unha ambulancia non poden levala nunha camilla con rodas, a última vez tiveron que levantala no aire, á paiola".
As visitas da ambulancia nos últimos anos foron numerosas, marcadas polos ingresos hospitalarios de Encarna filla por diversas patoloxías. A máis grave, unha operación nos tendóns das dúas pernas, que tamén derivou en que xa non puidese usar as escaleiras que discorren pola outra beira da casa e que desembocan na parte baixa da rúa principal, nunha zona con menos pendente e máis segura.
DÉCADAS DE LOITA
Dende que tiña 5 anos, Encarna Soto Farto leva á súa filla ao centro Juan XXIII de Pontevedra. Alí foi escolarizada, accedeu a terapias e na actualidade traballa no taller da Asociación no que se elaboran pezas para as persianas da marca Bandalux, traballo polo que percibe unha remuneración.
Nos primeiros tempos a nai cóntanos que "ela aínda podía andar con dificultade e baixábamos polas escaleiras, eu levaba a silla agarrada e moitas veces atopábame á miña filla toda molladiña porque sentaba no chan a esperarme, logo íamos a coller o autobús, que daquela non tiña plataforma nin nada, marchabamos a Pontevedra e alí xa a recollía outro autobús do Juan XXIII, entón eu volvía e ía a mariscar, e cando era a hora de saída, collía outra vez o autobús a Pontevedra, recollía a Encarna e logo outro autobús ata Placeres, así todos os días".
Co autobús empezou a loita desta nai para conseguir que instalasen unha plataforma. Nos primeiros tempos, cos anticuados trolebuses era imposible, pero ao modernizarse a frota xurdiu outro contratempo. "Canseime de reclamar e ao final dixéronme que tiña que pagar eu a plataforma e foron 350 euros".
A esta cantidade hai que sumar os moitos gastos derivados da discapacidade da súa filla. Neste sentido, Encarna quere deixar ben claro que "eu non pido que me den un sobre de diñeiro, porque eu de portas para adentro non quero que me fagan nada, porque as necesidades da miña filla págoas eu, téñolle a habitación adaptada, empezando polo baño e todo o que necesite, eu só pido de portas para afora, a quen corresponda".
Entre estes gastos que menciona atópase a cadeira de rodas motorizada que a súa filla necesitou unha vez que lle operaron as dúas pernas "porque xa ves que a costa pola que sube e baixa a miña filla e tamén os coches é moi empinada, que ata tiveron que desbastala, e eu tirando da silla manual non podía, non sabes a de veces que me teño caído encima dela", recorda Encarna nai.
"A silla todoterreno que ten agora costou 7.000 euros e funa pagando toda como se fose unha letra dun coche", apunta Encarna á vez que admite con resignación que "a Seguridade Social só te axuda coas sillas manuais, con estas outras non".
AS TRABAS DO CONCELLO DE PONTEVEDRA
Cando lle preguntamos a Encarna Soto Farto cantos anos leva reclamando que lle arranxen o acceso á súa casa, do que se beneficiarían todas as vivendas veciñas na rúa do Outeiro, xa perde a conta.
"O único que fixo algo foi o concelleiro Valcárcel, que soubo do meu problema cando aínda podíamos usar as escaleiras e veu falar comigo. Prometeume que me ía poñer as barandillas e como deixou de selo só lle deu tempo a poñer unha", afirma Encarna moi agradecida co que fora concelleiro do PSOE José Manuel Valcárcel. Pero dende que hai máis de dez anos abandonase o cargo, nada se avanzou nas demandas desta familia.
Houbo un intento, cando a concelleira Teresa Casal visitou a Asociación Juan XXIII e soubo da historia a través de Encarna filla e ofreceuse a falar coa súa nai. Pero, malia as moitas visitas e citacións no Concello, "farteime de ir" laméntase, a última resposta que obtiveron foi que non era a súa competencia e que ía contactar coa persoa responsable da parroquia de Praceres. Disto hai máis de dez anos e non houbo noticias.
SEN APENAS ARRANXOS EN 80 ANOS
"Este camiño é do ano 41 e dende entón non fixeron nada, só parches, pichi e a arenilla blanca que ves". Facendo contas, o vial que comunica todas as casas da rúa do Outeiro, e estas á súa vez coa principal da rúa do Santo, construíuse antes de que Encarna nai nacese. Dinos que non quere que publiquemos a súa idade pero cando nola confesa sorpréndenos que non a aparente, sobre todo tendo en conta as fatigas que vén arrastrando.
"Se eu che contara, hai 32 anos quedei viuda, despois de 11 loitando co meu marido, moi bo home, bo mariñeiro, bo pai, que era contramaestre en barcos de peixe, cun cáncer de pulmón, e logo quedei con cinco fillas para sacar adiante eu soa, andaba mariscando e despois tiven que deixalo e empleeime en Pontevedra para poder coincidir co horario do autobús da miña filla", conta de corrido Encarna e "podería dicirche máis pero aquí a importante é a miña filla e a ver se lle arranxan o camiño".
"Por sorte, agora o transporte de Juan XXIII chega ata aquí arriba, ás 7:30 da mañá preparo á miña filla e xa a recollen nun coche adaptado, pero ela ten que chegar ata alí con tranquilidade, non con tantos baches e nerviosa", remata Encarna nai.
Á filla preguntámoslle que lle diría ao alcalde se o tivese diante e contesta que "de todo menos guapo". E a continuación pregúntanos se xa acabamos coas fotografías porque quere baixar a pasar o resto da tarde no parque de Praceres. E entón comprobamos as dificultades para revolverse coa cadeira de rodas motorizada sobre o camiño parcheado. Ata que alcanza a conducirse por outra vía máis estreita entre unhas viviendas veciñas. A partir de alí, baixa soa e libre pola empinadísima costa do Santo, e aí entendemos que un treito de camiño mal arranxado xunto á súa casa non pode frear os avances na loita de nai e filla para que Encarna sexa independente e feliz.