Eva Lantarón lidera a única candidatura ao decanato da facultade de Fisioterapia
Por Redacción
A profesora do departamento de Bioloxía Funcional e Ciencias da Saúde Eva María Lantarón optará o vindeiro martes 29 a permanecer tres anos máis á fronte do decanato da facultade de Fisioterapia do campus de Pontevedra da Universidade de Vigo.
No proceso electoral aberto nesta facultade coincidindo co remate do seu actual mandato, Lantarón encabeza a única candidatura, na que tamén participan Mercedes Soto e Rocío Abalo como actuais vicedecanas e secretarias. A candidatura someterase a votación na Xunta da Facultade programada para o martes.
Profesora titular de universidade, Lantarón Caeiro permanece á fronte do centro desde xuño do 2018, cando foi elixida decada con dez votos a favor e dúas abstencións. Con anterioridade, a docente da área de Fisioterapia vivira unha primeira etapa á fronte do decanato entre o 2013 e o 2016 despois de exercer como vicedecana durante seis anos e outros tres como secretaria académica.
Sobre a súa reelección, Lantarón pon en valor "o bo clima e a implicación e motivación de todo o profesorado, persoal de administración e servizos e alumnado, que imos todos non mesmo sentido. Se temos o apoio da xunta do centro, será un pracer continuar".
Outro dos factores que levan a Lantarón a optar a permanecer tres anos máis á fronte do decanato é o feito de que a facultade se atope actualmente en pleno proceso de acreditación do sistema de garantía interno calidade ao que se suman os trámites para a creación do máster en Exercicio Terapéutico e Funcional en Fisioterapia despois de que a declaración do interese desta nova titulación fose aprobada recentemente polo Consello de Goberno da Universidade.
Outra das motivacións para optar á reelección foi que o pasado mes de decembro foi elixida presidenta da Conferencia Nacional de Decanos de Facultades de Fisioterapia nas que están representadas as 57 universidades españolas nas que se imparte esta titulación.