Convocan 510 bachareis a un cribado despois dos gromos xurdidos en festas de gradación e excursións
Por Oskar Viéitez
A área sanitaria de Pontevedra iniciou este mércores e ata o vindeiro domingo 27 un cribado entre os alumnos de segundo curso de Bacharelato dos institutos Sánchez Cantón, Sagrado Corazón, as Xunqueiras 1 e 2, así como o colexio SEK de Poio.
Este cribado é unha resposta ao incremento do número de casos detectado nos últimos días entre a comunidade escolar.
A Consellería de Educación informou que o curso se pechou con 27 casos activos de coronavirus na comunidade educativa da área de Pontevedra, o que supón un incremento en sete casos máis con respecto aos rexistrados no balance publicado pola Xunta o martes.
O Servizo Galego de Saúde (Sergas) xustificaba esta nova iniciativa preventiva para a detección de casos de covid 19 no incremento da incidencia "tras efectuarse en pasadas datas as tradicionais viaxes de fin de curso e mesmo algunha festa de gradación con presenza de poboación nova".
En declaracións á Radio Galega a directora do Instituto Sánchez Cantón, Rocío Viéites, desvinculou ao centro da organización da festa de gradación dos alumnos de segundo de Bacharelato e sinalou que o número de contagios pode superar ao sete xa detectados.
Desde o centro desaconsellouse facer a festa que estaba prevista inicialmente para antes dos exames da ABAU. Finalmente celebrouse o pasado venres unha vez superados os exames de selectividade.
Os cribados entre os estudantes comezaron este mércores co alumnado do Sánchez Cantón, co que continuarán o xoves. O venres será a quenda dos estudantes do Sagrado Corazón e o SEK Atlántico, mentres que o domingo serán os dos institutos de secundaria da Xunqueira.
Relacionadas:
-
Sanidade amplía o cribado a estudantes pontevedreses de segundo de bacharelato de cinco institutos máis
Por Diego Espiño |
-
Ascenden a 48 os pontevedreses infectados por covid tras unha viaxe de fin de curso a Mallorca
Por Diego Espiño |
-
Álvarez Deza: "É unha irresponsabilidade por parte dos pais deixar ir aos seus fillos a unha viaxe multitudinaria"
Por Manu Otero |
-
Unha trintena de contaxios en Pontevedra tras unha viaxe de fin de curso a Mallorca
Por Natalia Puga & Mónica Patxot | Creada e actualizada
-
O campus de Pontevedra recupera as cerimonias de graduación
Por Oskar Viéitez |
-
Os aspirantes á universidade pasan as probas da ABAU no campus de Pontevedra
Por Redacción |