Comeza o mes de prazo para solicitar axudas directas para profesionais afectados pola crise da pandemia
Por Redacción
O Boletín Oficial da Provincia (Boppo) publicaba este martes 22 de xuño as subvencións aprobadas pola Xunta de Goberno do Concello de Poio e xa se poden solicitar estas axudas directas destinadas a empresas, autónomos e negocios que sufriron graves consecuencias debido á pandemia e, por tanto, visen reducida a súa actividade de forma drástica.
As persoas interesadas dispoñen dun período dun mes para presentar a documentación que se solicita a través da Sede electrónica ou no Rexistro Municipal, previa solicitude de cita.
Aqueles negocios que xustifiquen a baixada do 35% dos seus ingresos en comparación coas ganancias de 2020 poderán presentarse a esta convocatoria. No caso de que o descenso sexa equivalente ou superior ao 50%, as axudas poderán alcanzar os 1.000 euros. No resto de casos realizarase un cálculo de forma proporcional á contía. Tamén se terán en conta a aquelas empresas que non tiñan actividade en 2019. Para estes supostos, a avaliación farase atendendo o período de actividade.
A contía das axudas alcanza os 150.000 euros, 100.000 proceden de fondos propios e o resto da Deputación de Pontevedra. As bases foron acordadas por representantes do goberno local con asociacións profesionais de sectores como a hostalería, o turismo ou o comercio.
As empresas deberán facer constar que realizan a súa actividade en Poio, independentemente de onde teñan a súa sede oficial, e teñen que comprometerse a resolver no prazo dun mes as posibles débedas que manteñan con institucións públicas. Estas axudas serán compatibles coas doutras administracións.
Esta proposta do Plan Activa 21 do goberno local pretende recuperar a actividade económica no municipio colaborando co tecido empresarial, cultural e turístico.
Relacionadas:
-
Poio aproba axudas económicas para 48 empresas para paliar os efectos da pandemia
Por Redacción |
-
Poio bonificará a taxa de residuos ás empresas que pecharon durante a segunda e terceira onda da pandemia
Por Redacción |
-
A Deputación aproba novos recursos para Poio e Cambados
Por Oskar Viéitez |
-
Poio ultima os trámites do reparto de axudas directas pola crise da covid-19
Por Redacción |