Adeus á máscara en exteriores (salvo nas terrazas de hostalería) se mantemos as distancias
Por Alejandro Espiño
Os galegos poderemos quitarnos a máscara en espazos exteriores a partir do 26 de xuño. Pero haberá matices. Só poderemos facelo se se garante unha distancia interpersoal de 1,5 metros, segundo avanzou este mércores o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.
"En interior máscara e distancia, en exterior máscara ou distancia", resumiu Núñez Feijóo sobre a proposta que defenderá Galicia no consello interterritorial de saúde, aclarando que este elemento de protección será obrigatorio baixo teito.
A única excepción á distancia será, engadiu, no caso de persoas conviventes.
Iso si, non en todos os espazos exteriores a máscara xa non será obrigatoria. Deberemos seguir usándoa nas terrazas da hostalería, ao entender os expertos que alí é imposible manter as distancias de seguridade, segundo o presidente galego.
Tamén será obrigatoria nos concellos en nivel máximo de restricións, é dicir, que teñan unha incidencia a 14 días superior aos 500 casos por cada 100.000 habitantes.
Núñez Feijóo advertiu que, aínda que non teñamos que poñela, a máscara deberemos levala "sempre encima, connosco", entre as nosas pertenzas, para usala se entramos nalgún establecemento ou paseamos por unha rúa "especialmente concorrida".
Esta medida entrará en vigor ás 00:00 horas deste sábado 26 de xuño.
A fin da obrigatoriedade da máscara, segundo o presidente da Xunta, é unha medida "seria, ordenada e rigorosa" que, ademais, "entra dentro" do que están a realizar outros países da nosa contorna.
Será posible, dixo Feijóo, ante o avanzado nivel de vacinación que, no caso de Galicia, chegou ao 43% da poboación coa dose dobre e ao 62% cunha dose, o que fai que esteamos nunha situación "moitísimo mellor" que hai un ano.
A pesar desta relaxación, o titular do goberno galego pediu "seguir sendo responsables e cautos" para "non estragar o traballo feito nestes quince longos e escuros meses", especialmente os mozos e as persoas que non se vacinaron aínda.
"O virus segue activo e pode afectar a calquera. Ser mozo non significa unha patente de corso para non infectarse", concluíu o dirixente autonómico.
Relacionadas:
-
Maioría de xente con máscara no primeiro día sen que sexa obrigatorio o seu uso ao aire libre
Por Diego Espiño & Cristina Saiz |
-
Galicia reabre o lecer nocturno e permitirá o 100% do aforo nas terrazas de hostalería
Por Alejandro Espiño |
-
A máscara non será obrigatoria ao aire libre a partir do próximo sábado 26 de xuño
Por Natalia Puga |
-
O fin da máscara no exterior, sen data: Feijóo confía en "non chegar tarde" a esa decisión
Por Alejandro Espiño |
-
"Vida normal" nas residencias de maiores porque nelas "acaba a pandemia"
Por Alejandro Espiño |