Poio chama a "extremar as precaucións" pola covid nas 130 fogueiras privadas previstas por San Xoán
Por Oskar Viéitez
O Concello de Poio recibiu nos últimos días un total de 131 solicitudes para o prendido de cacharelas durante a noite de San Xoán, que será este mércores. Ao igual que o ano pasado, as fogueiras só se poderán realizar en espazos privados e cumprindo unha serie de requisitos, entre eles a retirada de resto que terá que completarse nun prazo máximo de 48 horas.
O feito de que non se poidan prender cacharelas en espazos públicos non limita o interese da veciñanza á hora de cumprir con esta emblemática tradición na noite máis curta do ano. En concreto estas 131 peticións constitúen un incremento de máis do 25% respecto do ano pasado, cando se pediron 96 permisos.
Ademais, ás solicitudes de cacharelas tamén hai que sumar preto de media ducia para a realización de barbacoas por parte de profesionais do sector da hostalería, reducidas tamén de xeito exclusivo a espazos privados.
Unha vez máis, o goberno local insiste na importancia de que a veciñanza goce da noite de San Xoán respectando todas as medidas de distanciamento e hixiene e uso de máscara, dada a situación epidemiolóxica na que se atopa Poio desde hai algo máis dunha semana, cun importante incremento no número de positivos. Este martes o número de casos activos é de 21 persoas.
O alcalde, Luciano Sobral, insiste en que "temos que concienciarnos de que o virus aínda segue entre nós, polo que debemos extremar as precaucións".
DISPOSITIVO DA POLICÍA LOCAL
A Policía local de Poio realizará un dispositivo especial de seguridade durante a noite de San Xoán para velar polo cumprimento das medidas sanitarias e a seguridade cidadá e para o control de aforo e ruídos en establecementos. Ademais desenvolverá controis de alcol e drogas.
Realizarase unha especial vixilancia das praias para prohibir os botellóns e as aglomeracións.
RECOLLIDA DE HERBAS
Para este mércores está prevista a tradicional recollida de Herbas de San Xoán, que organiza a Asociación Ronsel.
A directiva informa de que xa non quedan prazas libres, polo que serán un total de 50 persoas, repartidas en dous grupos de 25, as que tomarán parte na actividade. O punto de encontro será o local do Sartal.
A primeira saída será ás 17.30 horas, mentres que o segundo grupo iniciará a recollida das herbas ás 19.30 horas.
Relacionadas:
-
Oito alcoholemias positivas en Poio durante a noite de San Xoán
Por Redacción |
-
Ponte Caldelas autoriza 60 fogueiras para celebrar San Xoán e San Pedro
Por Redacción |
-
A Policía Local de Sanxenxo triplicará as patrullas para controlar as 163 fogueiras autorizadas
Por Oskar Viéitez |
-
As Festas de San Xoán desenvolveranse na Seca, no Mosteiro, en Vilariño, no Pereiro e San Martiño
Por Redacción | Creada e actualizada
-
Poio limitará as fogueiras de San Xoán a espazos privados
Por Redacción |