Veciños de Ponte Sampaio quéixanse da presenza de cableado de telefonía no medio dunha estrada e piden solucións
Por Redacción
Veciños do lugar de Vilar, na parroquia pontevedresa de Ponte Sampaio, piden solucións para un problema que teñen desde primeira hora da mañá deste luns. Varios cables do tendido de cableado telefónico están soltos no medio da estrada de acceso ao seu núcleo de casas.
Os veciños quéixanse da presenza deste cableado e piden que alguén lles solucione o problema, pois se atopan así desde primeira hora da mañá e xérase unha situación de perigo para os coches que acceden ao lugar e tamén para os veciños en xeral.
Segundo relatan, todo apunta a que un camión arrastrou varios cables conectados a un poste de madeira e a continuación abandonou o lugar sen dar parte do sucedido. Os veciños atopárono todo tirado no chan e durante horas foi imposible circular pola estrada.
Agora piden solucións porque, segundo aseguran, chamaron ao 112 e á Policía Local de Pontevedra e non conseguiron que se escoitasen as súas demandas e, tras varias horas de intentos, aseguran que non logran falar coa compañía de telefonía Movistar.
Tan só lograron que lles fixesen caso axentes da Garda Civil de Tráfico, que, coa axuda dun veciño da zona, moveron os cables e levantáronos lixeiramente para facilitar o paso de turismos. Con todo, os cables seguen soltos e aínda non poden pasar vehículos máis altos ou camións. Agora, polo menos, non están no chan, pero piden que a situación se solucione, pois " non sabemos a quen chamar para que o veñan arranxar".