A Xunta construirá unha senda peonil na estrada PO-230, en Campo Lameiro
Por Redacción
A Xunta de Galicia construirá unha senda peonil na estrada autonómica PO-230, ao seu paso polo concello de Campo Lameiro.
O contrato foi adxudicado á empresa Construcciones y Reformas 3 Torres 2010, por máis de 48.000 euros. Os traballos comezarán nas vindeiras semanas e teñen un prazo de execución de dous meses.
O obxectivo da actuación é mellorar a seguridade viaria da zona, coa execución dunha senda peonil na marxe esquerda da estrada autonómica, entre os puntos quilométricos 0+885 e 1+345, que actualmente non conta con zona de circulación independente do tráfico rodado.
A senda terá un ancho mínimo de 1,8 metros, será de formigón cor terrizo, con bordos e unha elevación con respecto á calzada de 10 centímetros.
Na intervención inclúese a modificación da actual rede de drenaxe, dado que a senda se executa sobre o espazo que actualmente ocupa a cuneta. Proxéctase, en substitución desta, a execución dunha canalización subterránea, así como os correspondentes sumidoiros e pozos de rexistro que permitan a evacuación óptima da auga da plataforma e das marxes.
Na parte inicial darase continuidade ao paso salvacunetas que existe actualmente, polo que se dispoñerá un colector, coa correspondente embocadura e aletas na conexión coa cuneta.