UGT e CC.OO. concéntranse para pedir traballo decente
Por Anxo Lourido
Coa presenza dos secretarios comarcais de UGT e CC.OO. á fronte, ao redor de 30 delegados sindicais concentráronse durante vinte minutos ante a Subdelegación do Goberno con motivo da celebración da Xornada Mundial polo traballo decente.
Os sindicatos denuncian que os recortes, a austeridade e o déficit quedan reflectidos nos Presupostos Xerais do Estado para o ano 2014 e esta situación só empobrece máis ao colectivo de pensionistas coa última reforma laboral proposta. Dende os dous sindicatos considérase que o Goberno non considera nin unha soa medida para favorecer a creación de emprego nin o crecemento económico. Por ese motivo, as centrais sindicais sinalan que cada vez se atenta máis contra os dereitos e liberdades e por iso reclámase emprego de calidade.
Durante a concentración produciuse o feito curioso de que unha señora de avanzada idade se achegou aos sindicalistas para debater con eles sobre a situación actual. A muller indicou que era de ideoloxía republicana e criticou, ante o secretario comarcal de UGT, Ramón Vidal, as políticas económicas de Mariano Rajoy e de José Luis Rodríguez Zapatero.