Medio Ambiente quere promover a pesca fluvial a través das escolas de río
Por Redacción
A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, acompañada polo delegado territorial da Xunta, Luís López, e polo alcalde Jorge Cubela visitou as instalacións do IES de Cotobade. Alí, este luns desenvolvíase unha actividade para fomentar os valores ambientais relacionados coa práctica da pesca.
A actividade contaba cunha charla práctica a cargo do pescador coruñés David Arcay, catro veces campión do mundo de pesca a mosca, defensor da pesca sostible. Durante a súa intervención aconsellou aos estudantes como manipular aos peixes e devolvelos á auga en condicións óptimas.
Desde a Xunta indican que se puxo en marcha o proxecto das escolas de río, a través de convenios coas entidades colaboradoras e coa Federación Galega de Pesca, para que novos afeccionados poidan coñecer os ecosistemas acuáticos, a fauna e a flora destes espazos naturais. A intención é que se produza unha substitución xeracional na pesca fluvial.
Ángeles Vázquez destacou que a Xunta de Galicia está a realizar diversas accións para achegar a pesca á mocidade.
Desta forma, os menores de ata 14 anos poden practicar a pesca sen necesidade de sacar licenza e os menores de idade quedan exentos do pago das taxas, tamén se conceden permisos gratuítos para a práctica de pesca sen morte. Segundo sinalou a conselleira, estas medidas benefician a máis de 11.000 pescadores durante esta tempada.
Tamén convidou os estudantes a practicar este deporte para coidar os 30.000 quilómetros de ríos, ademais dos encoros para coñecer o patrimonio fluvial galego.