Chega o verán ás Rías Baixas, pero o bo tempo tardará aínda uns días máis
Por Redacción
Xa estamos no verán. Desde as 05:32 horas, entramos na estación (a priori) máis calorosa do ano. Será, ademais, co día con máis horas de luz. Ata quince. O período estival durará 93 días, concretamente ata a chegada do outono o 22 de setembro.
Pero tras as intensas choivas desta fin de semana, moitos se preguntan se co inicio do verán regresará tamén en calor de días pasados.
A resposta? Polo momento, non. Polo menos ata o mércores, segundo as previsións de Meteogalicia. O sol e as altas temperaturas poderían volver ás Rías Baixas para San Xoán.
Para este luns, teremos ceos con nubes e claros a partir desta tarde, aínda que podería caer algunha precipitación tanto hoxe como mañá martes. As temperaturas mínimas caerán un pouco e as máximas subirán ata a contorna dos 20 graos.
O martes, toda Galicia quedará nunha situación intermedia entre as borrascas situadas en Centroeuropa e o anticiclón nos Azores, polo que o día será moi similar ao de hoxe. Os termómetros nas Rías Baixas, iso si, seguirán subindo e prevese alcanzar os 22 graos.
A partir do mércores, especialmente pola tarde, o sol irá reclamando o seu protagonismo e desaparecerá o risco de choiva. Iso si, o vento soprará de compoñente norte, de maneira intensa en todo o litoral pontevedrés. Ata os 24 graos subirán as temperaturas máximas.
Desde o xoves, o anticiclón dominará as condicións climatolóxicas e o sol virá acompañado de temperaturas moito máis altas que, no caso de Pontevedra, situaranse sobre os 27 graos, segundo recollen as previsións de Meteogalicia.