Corenta familias participan na estrea dos Xogos Efecto PO2
A pesar do mal tempo, ata corenta familias participaron na primeira xornada dos Xogos Efecto PO2, un programa municipal que converteu cinco barrios de cidade nunha especie de olimpíadas dos xogos tradicionais galegos.
Os espazos de xogo habilitados en Campolongo, O Gorgullón, Doce de Novembro (Pontevedra-Leste), O Burgo e Monte Porreiro acolleron a 61 nenos e nenas menores de doce anos.
No horario estipulado, entre as 11:00 e as 13:00 horas, os equipos formados por nenos e maiores competiron amosando a súa habilidade ao redor de xogos tradicionais e colaborativos como o peletre, o tres en raia, a corda, o pano ou a colleita de mazarocas.
Os gañadores en Monte Porreiro foron Alexandre Pichel Blanco (11 anos) e Inés Blanco; en O Burgo, Alba Pérez Costas (7 anos), Bruno Pérez Costas (3 anos), Gabino Pérez Romero e Vanesa Costas; e en Campolongo, Daniella Otero Asorey (7 anos), Iago Otero Asorey (3 anos), Iria Asorey Veiga e César Otero Rodríguez.
No Gorgullón, pola súa banda, impuxéronse Eloy Barreiro Loira (10 anos), Adrián Cabaleiro Couso (9 anos) e Carles Castillo Sardá; e no campo de Pontevedra-Leste, Bianca Ingrassia Sinopoli (5 anos), Melina Ileana Sinopoli Buceta e Hernán Maximiliano Ingrassia Farache.
Iso si, para coñecer aos gañadores definitivos haberá que esperar. A situación meteorolóxica adversa que se agarda para este domingo obrigou a adiar a gran final dos Xogos Efecto PO2, que tiña que enfrontar aos vencedores de cada barrio na Praza de España.
O Concello comunicará en vindeiros días a nova data para esta competición final.
Relacionadas:
-
'Atrévete a pensar' ofrece un roteiro para descubrir os espazos agochados da cidade
Por Cristina Saiz & María José Pita |
-
A gran final dos Xogos Efecto PO2 entre barrios disputarase o sábado na praza de España
Por Redacción |
-
Cal é o mellor barrio de Pontevedra? A resposta saberase xogando na rúa
Por Oskar Viéitez |
-
Os xogos tradicionais da corda, o peletre e o pano ocuparán as rúas de cinco barrios o sábado 19
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |