Borja Santamaría González é un mozo vilagarcián que vai camiño, porque currículo xa acumula para telo en conta, de ser un concursante de televisión profesional. A súa última participación foi en 'Ahora caigo' os pasados abril e maio. 'Borjamina', o nome co que se presenta en televisión e que corresponde a unha cadela que chegou na súa infancia unha noite de Reis, foi récord en número de programas e en premio económico acumulado.
Con 18 anos debutou como concursante en 'Cifras e letras' animado por unha profesora de Matemáticas, logo veu a súa primeira intervención en 'Ahora caigo' e seguiu o periplo con 'La ruleta de la suerte', 'Como un allo', 'Verbas van', 'Ti verás' xunto ao seu irmán Raúl e 'Bloqueados por el muro' co equipo dos Lapas e onde tamén conseguiron récord.
Matriculouse en Enxeñería pero acabou graduado en Xestión e Administracíon de Empresas na Universidade de Málaga, onde viviu uns anos. Non é de facer plans de futuro porque como recoñece en PontevedraViva Radio "sempre vou improvisando". O que si ten claro é que lle gusta sentirse útil e para iso defínese con esta máxima: "non nos lembran por como eramos, pero si por como lles faciamos sentir".
Esa forma de pensar explica outra das facetas na que está implicado "desde que estudaba nas filipenses": o asociacionismo e o voluntariado. Estivo en Macedonia, Francia e Ucraína, vinculado sempre con proxectos relacionados coa infancia. Colabora ademais con Cruz Vermella e Cáritas.
Ao movemento asociativo enganchouse en Málaga. En Vilagarcía creou a Asociación Arousa Moza que preside, do mesmo xeito que o Liceo Casino desde o ano pasado. Unha entidade a cuxo rescate saíron, en contido e continente, pero que actualmente é unha incerteza para o seu labor social e asociativo tras a adquisición do inmoble por parte do Concello.
Un gran tipo o protagonista desta Playlist. Non lle perdades a pista, en breve volverá ás pantallas de televisión.