Construcciones Abal reformará o Pazo de Besada cun orzamento que roza os 530.000 euros
Por Redacción
A empresa Construcciones Abal será a encargada de levar a cabo a remodelación do Pazo de Besada, un dos grandes emblemas da parroquia de San Salvador e do municipio en xeral.
Esta foi a entidade que obtivo a máxima puntuación no concurso de licitación e a súa adxudicación foi aprobada pola Xunta de Goberno Local na súa sesión do pasado martes 15 de xuño.
O orzamento desta actuación ascenderá finalmente a un total de 529.184 euros, IVE engadido, sufragados a través do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, correspondente á convocatoria de 2020.
O concelleiro de Urbanismo, Gregorio Agís (PSdeG-PSOE), estima que os traballos poderán comezar ao longo do verán. Se todo vai ben, a obra ficará rematada a principios de 2022.
A reforma destas dependencias é un dos obxectivos principais do goberno local. Unha vez estea lista, está previsto que o pazo se consolide como "un dos principais centros neurálxicos no que á actividade e dinamización social da localidade", toda vez que pasará a acoller a xestión de servizos sociais, culturais e de igualdade.
Esta reforma dará continuidade ao acondicionamento exterior que xa se fixo na infraestrutura hai uns anos.
Agora, as tarefas da empresa adxudicataria centraranse no interior do pazo. "Levaranse a cabo labores de mellora dos tabiques, carpintería e dotación de servizos, calefacción e iluminación", adianta o responsable do departamento de Urbanismo, que foi o encargado de redactar o proxecto.
Tamén se acondicionarán os exteriores da finca na que se atopan as históricas dependencias e se mellorarán os accesos en favor das persoas con problemas de mobilidade.
Con esta actuación, o Pazo de Besada pasará a contar cunha sala para eventos, oficinas e un espazo de lecer destinado a persoas da terceira idade. Precisamente, un dos obxectivos deste proxecto é trasladar desde a Casa Rosada ata o pazo os Servizos Sociais, así como o CIM.
"Con isto logramos un dobre obxectivo, xa que, ademais de ofrecer unhas instalacións totalmente renovadas aos usuarios e usuarias, tamén poderemos aproveitar a Casa Rosada para desenvolver outras iniciativas e actividades diferentes", indica Gregorio Agís.
O concelleiro socialista lembra que esta obra conta con todos os permisos necesarios, incluído o de Dirección Xeral de Patrimonio. "Agora, confiamos en que os traballos dean comezo canto antes, para que a veciñanza poida gozar destas novas instalacións no menor tempo posible", finalizou.
Relacionadas:
-
A reforma integral do Pazo de Besada en Poio impide temporalmente o estacionamento de vehículos
Por Redacción |
-
Poio saca a licitación o proxecto de rehabilitación do Pazo de Besada
Por Redacción |
-
O pleno de Poio definirá o Pazo de Besada coma equipamento público para usos de servizos sociais e culturais
Por Redacción |
-
Prevén que a remodelación do Pazo Besada comece a principios de 2021
Por Redacción |