A Deputación aproba novos traballos de conservación de firmes nas estradas provinciais por valor de 2,2 millóns
Por Oskar Viéitez
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva deu conta en rolda de prensa dos asuntos aprobados este venres en Xunta de Goberno.
"Hoxe aprobamos máis dun millón de euros na liña 1 do Plan Concellos", que beneficiarán a Caldas de Reis, Cambados, Cangas do Morrazo, A Cañiza, A Estrada, A Lama e Meaño. Maioritariamente vanse a dedicar estes fondos a obras de saneamento de augas residuais e pavimentacións.
Segundo sinalou a presidenta, "os concellos están solicitando recursos para pór en marcha un novo modelo cunha perspectiva de respecto a medioambiente".
Ademais, a Xunta de Goberno aprobou novos traballos de conservación de firmes por valor de 2,2 millóns en 3 das 6 zonas nas que se divide a provincia dentro do acordo marco habilitado para tal fin cun orzamento global de 4,4 millóns.
O goberno provincial defende que esta fórmula supón na práctica unha xestión "máis eficiente, planificada e áxil" para realizar obras puntuais e urxentes nos máis de 1.700 quilómetros de vías de titularidade provincial cando se detectan deficiencias. "Nunca se investira tanto nas nosas estradas provinciais, máis de 17 millóns desde 2017 neste acordo", remarcou a presidenta.
Estas zonas son: Deza-Terra de Montes e Caldas, cun investimento de 868.000 euros; Baixo Miño-Condado-A Paradanta, con 723.000 euros e a zona de Vigo-Baixo Miño, con 688.500 euros.
AXUDAS AO DEPORTE
Ademais a Deputación de Pontevedra aprobou nesta Xunta de Goberno a concesión de axudas aos clubs náuticos por un global de 500.000 euros para 55 clubs de piragüísmo, remo e vela de 23 concellos.
Con estes fondos financiaranse gastos federativos, competitivos, de contratación, formación materiais, sanitarios, entre outros custos, incluídos alugueiros ou eventos.
"A aposta polo deporte na Deputación de Pontevedra é incuestionable", sinalou Silva.
CULTURA
Acompañaron a Carmela Silva nesta rolda de prensa a deputada responsable de Cultura, Vicky Alonso e a directora deste servizo na aministración provincial, Paula Cabaleiro que presentaron dúas novas edicións dos programas "Música non Ar" de música clásica e "Tras as ameas" con actividades nos castilllos de Soutomaior e Sobroso.
O primeiro destes programas organizará concertos nos conxuntos patrimoniais de 11 concellos, nunha aposta pola música clásico-contemporánea a través de pequenas agrupacións. Serán de acceso libre excepto os organizados no Castelo de Soutomaior, Cambados e Gondomar, que este venres abren o prazo de reservas. Arrincarán no Pazo de Oca (A Estrada), o día 1 de xullo con Javier Otero Neira e Rubén Iglesias.
"Tras as ameas" contempla actividades multidisciplinares, desde circo, pasando por concertos, maxia, clown, talleres infantís, teatro ou contacontos, divididas en 5 ciclos do 30 de xuño ao 19 de setembro nos castelos de Soutomaior e de Sobroso. Hoxe hanse abierno as inscricións na web da Deputación de Pontevedra.