O PP reta ao goberno municipal a ser "valientes" e recoñecer as súas "mentiras" sobre Raíña Vitoria
Por Alejandro Espiño
Os populares insisten en solicitar a reapertura inmediata ao tráfico da rúa Reina Vitoria. Farano o vindeiro luns no pleno municipal pero, antes diso, denunciaron os "argumentos falsos" do goberno local para xustificar esta medida.
O edil Pablo Fernández censurou que o Concello "haya utilizado la pandemia" como escusa para cortar unha rúa "a su antojo" e sen que o avale ningún informe técnico ou o estudo de tráfico que eles mesmos encargaran.
Fernández retou ao executivo municipal a ser "valientes" e que vaian "de cara" cos cidadáns, recoñecendo que "querían cortar la calle". Considera que "lo que no es aceptable es que mientan" e se escuden en "falsas peticiones".
O corte de Raíña Vitoria, insisten desde o PP, xerou un "caos circulatorio" na cidade, provocando atascos en "arterias principales" como Rosalía de Castro e Manuel del Palacio ou un incremento "desmesurado" da circulación no barrio de San Roque.
O concelleiro popular engadiu que esta medida adoptouse ademais a pesar do "rechazo generalizado" de veciños e comerciantes e augura que os problemas de tráfico veranse agudizados durante os meses de verán.
Con respecto á reordenación prevista en Ribeira dos Peiraos, San Roque de Abaixo ou Palamios, Pablo Fernández lamenta que se realice "empezando la casa por el tejado" e sen esperar ao anunciado estudo de tráfico.
"Están tratando de arreglar un caos circulatorio y un tráfico excesivo que han generado ellos mismos en esa zona con el corte y creemos que, si siguen esta línea de trabajo, todavía lo empeorarán más", sinalou.
Ademais, considera que "no es lóxico" que se realice esta actuación cando o PSOE está a redactar un proxecto integral de actuación na desembocadura do Río Gafos e que afectaría as rúas que serán obxecto desta reordenación.
Relacionadas:
-
A Avenida Raíña Vitoria seguirá pechada ao tráfico
Por Oskar Viéitez |
-
O peche de Raíña Vitoria mellorou, segundo o goberno municipal, o tráfico en Eduardo Pondal e Echegaray
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Reordenan o tráfico en Ribeira dos Peiraos, Palamios e San Roque de Abaixo
Por Alejandro Espiño |
-
O Concello descarta abrir Raíña Vitoria e mantén o seu uso futuro como 'skate- park'
Por Alejandro Espiño |
-
O PP pide a reapertura de Raíña Vitoria tras o fin do estado de alarma e ante o fin do curso escolar
Por Natalia Puga |