Lecer e formación conflúen na programación de verán para a mocidade de Poio
Por Redacción
O programa deseñado pola Concellería de Benestar Social e Mocidade de Poio para ofrecer actividades á xuventude do municipio durante o verán conxugará este verán iniciativas de lecer e outras centradas na formación e o coñecemento.
A programación desenvolverase entre principios de xullo e o 17 de setembro, coincidindo coas vacacións escolares. De feito, a última actividade será a tradicional festa do inicio do novo curso ás 18.00 horas na Casa Rosada, que en 2020 non se puido desenvolver por mor da pandemia.
Unha das novidades principais da programación será o campamento, de tres días de duración, que se realizará en FervenzaAventura, no concello de Silleda. Trátase dunha actividade pensada para mozos e mozas nados entre os anos 2005 e 2008.
Entre o 11 e o 13 de agosto poderán gozar neste espazo de diferentes iniciativas, entre as que se inclúen xogos nocturnos, escalada en rocódromo, tirolina, tiro con arco ou orientación con GPS. O prezo será de 45 euros por persoa e as inscricións poderanse tramitar entre o 17 e o 30 de xuño.
A concelleira de Mocidade, Rosa Fernández, garante que todas as actividades se levarán a cabo cumprindo coas pertinentes medidas de seguridade, hixiene e ocupación para evitar a expansión da covid-19.
A primeira actividade do programa será un curso impartido pola técnica Mar García sobre pautas e recursos para monitores e monitoras, docentes e amantes da lectura Trátase dun obradoiro para maiores de 18 anos que se estreará o 5 de xullo e terá 24 horas de duración, estendéndose durante os días 6, 7, 8, 12 e 13. A cota de inscrición será de 20 euros e se lles outorgará un diploma acreditativo ás persoas que completen esta formación.
O 6 de xullo estrearase un obradoiro de cociña vegana, para mozos e mozas de idades comprendidas entre os 16 e os 30 anos. As clases serán na Casa Rosada e terán lugar todos os martes do mes, entre as 11.30 e as 13.30 horas. A inscrición é de 5 euros, prezo que inclúe a obtención dos materiais para a elaboración dos menús, que estarán compostos por entrante, prato principal e sobremesa.
A programación tamén inclúe obradoiros en espazos abertos de carácter itinerante. Cada martes e mércores a partir dos días 27 e 28 de xullo, trasladaranse a un emprazamento diferente, comezando por Vilariño e rematando en Lourido, pasando previamente pola Praza Alfredo Romay de Samieira, a Praza da Chousa de Combarro ou A Granxa de Campelo.
A Aula CEMIT tamén cobrará protagonismo, ao acoller dous obradoiros vencellados ás novas tecnoloxías. Un deles versará sobre o uso das redes sociais, con 5 prazas dispoñibles para persoas de entre 12 e 30 anos. Tamén se impulsa ‘Faino ti mesmo’, para ensinar a realizar xestións vía on line, como a solicitude de citas previas ou xestións na web do INEM. Neste caso, os destinatarios e destinatarias serán persoas de 18 a 30 anos.
A música tamén terá o seu protagonismo, co ciclo ‘Movedance’, a través do cal se invita á mocidade a bailar nos exteriores da Casa Rosada, os martes e xoves, entre as 11.00 e as 12.00. A cota será de 20 euros. O mesmo prezo terá o taller de costura a realizar os luns e mércores, entre as 11.30 e as 13.30 horas, tamén na Casa Rosada.
A matriculación para estas actividades realizarase na Casa Rosada, chamando ao 986872401. Tamén se pode obter máis información enviando un correo electrónico á dirección xuventude@concellopoio.org.