Os traballadores de Elnosa, seguros da súa continuidade na ría, esixen á Xunta e á empresa que conserven o persoal actual
Por Anxo Lourido
O comité de empresa de Elnosa está convencido de que continuarán durante os próximos anos na súa actual localización en Lourizán. Jaime Iglesias, presidente do comité, indicou que legalmente Elnosa vai renovar a concesión ambiental integrada que remataba en 2014 "porque cumpre coa directiva europea e coas leis españolas".
Os representantes do equipo da empresa electroquímica sinalan que hai unha lei europea que entrou en vigor en xaneiro de 2011 cunha directiva nova que aglutina todas as anteriores e que formula que todos os sectores industriais poidan funcionar a través dos documentos BREF (Documentos de Referencia sobre as Mellores Técnicas Dispoñibles) para a produción de cloro e sosa cáustica.
Segundo os traballadores, os documentos sinalan que as mellores técnicas dispoñibles son de membrana e que Elnosa traballa con mercurio polo que deberá cambiar a tecnoloxía. Pero segundo indicou Jaime Iglesias, no momento en que se asinen os documentos BREF dependentes da Unión Europea, todas as empresas europeas contarán con 4 anos de prazo para adaptarse.
A Consellería de Medio Ambiente ten que conceder a autorización ambiental integrada sen data límite, segundo apuntou Jaime Iglesias, tal e como establece a Lei española de xuño de 2013. O presidente do comité asegura que cree que "enero de 2014 non é unha fecha catastrófica, é un mes máis como o ano pasado porque Elnosa cumpre coa lei europea e coa lei española e á Consellería non lle queda máis remedio que concederlle a autorización ambiental integrada se non quere cometer unha ilegalidade".
DEFENSA DOS TRABALLADORES
O comité recoñece que hai negociacións nas últimas semanas entre a multinacional CUF, propietaria de Elnosa, coa Xunta de Galicia e "esixen que se hai un acordo que se garantan os postos de traballo. Garantías reais, cribles, para os traballadores porque se non van ter un conflito laboral pola nosa parte", ameazou Igrexas.
Dende o comité solicitouse unha reunión á dirección de CUF e tamén van reclamar unha reunión co Conselleiro, Agustín Hernández, para coñecer en que terminos se están a desenvolver esas reunións. Segundo explica Jaime Iglesias "estámonos adiantando porque se está facendo todo sen ter en conta ao comité de empresa".
Neste sentido de defensa dos postos de traballo expresáronse tamén, na rolda de prensa, os secretarios comarcais de Comisións Obreiras e de UGT, José Luis García Pedrosa e Ramón Vidal.
Segundo os datos que ofrece o comité de empresa, o persoal de Elnosa está conformado por 80 traballadores directos e ao redor de 20 indirectos con idades, na súa maioría, inferiores aos 40 anos.