Manuel Rañó é o novo presidente do Colexio Oficial da Arquitectura Técnica de Pontevedra
Por Redacción
Manuel Rañó Rodríguez é o novo presidente do Colexio Oficial da Arquitectura Técnica de Pontevedra (Coatpo). A candidatura liderada polo ata o de agora delegado do Colexio da Arquitectura Técnica na cidade de Pontevedra foi a única que concorreu ás eleccións, celebradas o pasado día 10 de xuño, para a renovación estatutaria da Xunta de Goberno do Coatpo, con sedes en Pontevedra e Vigo. O seu mandato concluirá en 2025.
Manuel Rañó e o seu equipo, que tomaron posesión dos seus cargos esta mesma semana, agradecen o respaldo dos profesionais da arquitectura técnica da provincia de Pontevedra. Na súa opinión, "que participase unha única candidatura ratifica o consenso e a unidade no seo do noso Colexio".
Para o próximos catro anos ofrece "compromiso para defender os intereses dunha profesión apaixonante e estratéxica para confirmar a recuperación económica tras o impacto da pandemia da Covid19 en toda a provincia".
A Xunta de Goberno, presidida por Manuel Rañó, terá como secretaria a Paula Vázquez Prieto e como tesoureira-contadora a Xiana Alonso Población. O delegado na Demarcación de Pontevedra será Ricardo Sobral Casalderrey; e o delegado na Demarcación de Vigo, Antonio Arias Rodríguez. Completarán o equipo Pablo Freiría Lorenzo (vogal primeiro), José Manuel Iglesias Ferreira (vogal segundo) e Alba Aguete Iglesias (vogal terceira).
Manuel Rañó releva a Pelayo Celso Eyo Valladares, que tivo unha longa e frutífera traxectoria no Coatpo. O novo presidente, que desempeñou o cargo de Delegado da Demarcación de Pontevedra nos dous últimos mandatos, tivo palabras de agradecemento para o presidente saínte.
Segundo trasladaban, a nova Xunta de Goberno baseará a súa xestión en defender a profesión e a súa deontología profesional; colaborar coas diferentes Administracións públicas; ofrecer formación continua de calidade aos colexiados; reivindicar o desenvolvemento tecnolóxico e aforro enerxético; avogar pola calidade, a seguridade e a saúde; e coidar e conservar o medio ambiente.