Patrullas da Brilat e a Armada bátense nunha Tui-Santiago menos numerosa e máis lenta
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
Con menos participantes do afeito e máis lentitude do habitual. Así transcorre este mércores a primeira xornada do concurso de patrullas Tui - Santiago organizado pola Brigada Galicia VII, Brilat, que este ano chega á súa XX edición.
A pandemia da covid-19 e as restricións derivadas fixeron que tan só participen 10 patrullas e un cambio no regulamento que lles dá máis tempo para realizar o tramo ata Pontevedra levou a que os militares se despracen con menos rapidez que en anos anteriores.
Os militares participantes teñen que percorrer os 120 quilómetros que separan Tui de Santiago realizando unha serie de probas e o resultado final do concurso non se coñece ata que se calcula a puntuación de todos os exercicios. De todos os xeitos, xa se puido constatar que hai tres patrullas que sacan vantaxe horaria ás demais.
Na primeira xornada, os militares atopáronse cunha situación meteorolóxica complicada, con temperaturas elevadas durante o día que tamén contribuíron a atrasar os primeiros tramos. En todo caso, todas as patrullas van dentro da marxe autorizada no regulamento para percorrer en 12 horas o tramo Tui-Pontevedra.
Dúas das probas máis vistosas das que inclúe o concurso dispútanse cada ano na cidade de Pontevedra. Trátase do paso de rápel na ponte de Monte Porreiro e o paso de río no tramo máis urbano do Lérez, nas proximidades da ponte dos Tirantes. Ambas as probas foron este mércores pasadas as sete da tarde, varias horas máis tarde que anos pasados, e finalmente mesmo o rápel tivo que suspenderse por mor do vento.
As outras cinco probas son un percorrido topográfico, tiro de precisión con fusil, paso de pista de obstáculos, lanzamento de granadas e percorridos cronometrados.
O concurso de patrullas está aberto á participación de Unidades das Forzas Armadas españolas e doutros países, pero este ano reduciuse a participación pola pandemia e tan só hai 10 equipos participantes, todos eles da Brilat ou a Armada. En concreto, nove da Brigada anfitrioa e unha do Terzo Norte da Armada (Infantería de Mariña) de Ferrol.
Da Brilat participan dúas patrullas do rexemento de Infantería Príncipe 3 de Asturias (unha patrulla Batallón San Quintín I/3 e unha patrulla do Batallón Toledo II/3), outras dúas do rexemento de Infantería Isabel a Católica 29 de Pontevedra (dúas patrullas do Batallón Zamora I/29), unha do Rexemento de Cabalería Farnesio 12 de Valladolid, unha do Batallón de Cuartel Xeral VII de Pontevedra, unha do Grupo de Artillería VII de Pontevedra, unha do Batallón de Zapadores VII de Pontevedra e unha do Grupo Loxístico VII de Pontevedra.
A actividade, enmarcada nos actos conmemorativos do LV Aniversario de creación da Brilat, está considerada como unha das probas militares máis duras de España debido a que ao percorrido de 120 quilómetros do Camiño de Santiago portando mochila, equipo e armamento regulamentario, hai que engadir a realización de sete probas de carácter eminentemente militar.
A proba finalizará este xoves 17 de xuño ás 17.00 horas cun acto de clausura na praza do Obradoiro de Santiago de Compostela. As patrullas participantes e a Banda de Guerra da Brilat desfilarán desde a Alameda e, ante a Catedral, entregaranse os trofeos aos gañadores nas distintas categorías.
Relacionadas:
-
A Tui-Santiago da Brilat recupera a presenza doutras unidades do Exército e estrea unha modalidade menos esixente
Por Natalia Puga |
-
O aniversario máis solidario da Brilat
Por Redacción |
-
Os Zapadores da Brilat gañan unha Tui-Santiago na que ninguén acelerou
Por Natalia Puga |
-
A Brilat, recoñecida coa gravata da Orde de Isabel a Católica polo seu papel durante a pandemia
Por Redacción |
-
Patrullas da Brilat completan o Camiño de Santiago na súa tradicional competición militar
Por Redacción |
-
Nova peregrinaxe de récord entre Tui e Santiago
Por Natalia Puga |