Máis de 2,3 millóns para humanizar o paso da PO-308 polo núcleo urbano de Portonovo
Por Redacción
Ao longo dun treito duns 800 metros, o paso da estrada PO-308 polo núcleo urbano de Portonovo vai a ser humanizado. Así se abordou nunha xuntanza de traballo entre o alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, e a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez.
Ambas administracións asinarán un convenio para executar estes traballos, que contarán cun orzamento superior aos 2,3 millóns de euros.
En concreto, actuarase entre os puntos quilométricos 18+960 e 19+770 desta estrada.
A actuación ten como principal obxectivo ampliar as beirarrúas existentes ata un mínimo de dous metros, favorecendo a accesibilidade e a mobilidade a pé dos veciños, cunha delimitación clara da circulación do tráfico rodado e peonil.
A intervención inclúe a reordenación de cruces e de accesos, coa construción de dúas novas glorietas.
Prevese, ademais, a humanización da travesía con zonas axardinadas e a colocación de mobiliario urbano e aproveitaranse as obras para renovar as instalacións, co soterramento de tendidos eléctricos aéreos e a renovación das redes de abastecemento, saneamento e pluviais.
O Concello de Sanxenxo ten elaborado xa un estudo previo das intervencións necesarias, aínda que será preciso contratar a redacción do proxecto de construción, de modo paralelo á tramitación do convenio de colaboración.
O goberno municipal será o encargado de licitar e executar as obras e comprométese a asumir, antes do inicio dos traballos, a titularidade das beirarrúas no treito da PO-308 obxecto de actuación. A Xunta, pola súa banda, será a que financie estes traballos de humanización.
Na reunión, a conselleira e o alcalde tamén abordaron a mellora da conexión da autovía do Salnés coa estrada PO-504, adxudicada recentemente e que suporá un investimento autonómico de 335.000 euros.
Trátase da construción dun novo ramal para os vehículos que veñen do Grove e da Lanzada e saen da vía rápida en Sanxenxo para enlazar coa PO-504, substituíndo o actual, que mellorará a fluidez do tráfico e reducirá os atascos, sobre todo no verán.
Ethel Vázquez confirmoulle a Telmo Martín que a previsión é iniciar os traballos no mes de setembro, para evitar a afección ao tráfico en época estival.
Infraestruturas e Mobilidade tamén acaba de adxudicar a redacción do proxecto para a construción dun itinerario peonil na contorna dese enlace.
O contrato adxudicado permitirá definir as actuacións precisas no enlace da AG-41 coa PO-504, que supón unha barreira para o tránsito peonil pola alta intensidade de tráfico que rexistra. Proponse o desenvolvemento dun itinerario que evite o enlace, aproveitando o paso inferior da PO-504 baixo a VG-4.1.
Unha vez superado ese paso inferior, habilitaríase unha nova senda peonil no pé do terraplén do ramal norte de enlace da AG-41, ata chegar ata a glorieta inferior do enlace.
No proxecto, tamén será necesario incluír a solución para dar continuidade en condicións de accesibilidade ás beirarrúas da PO-504, no treito inmediatamente anterior ao paso inferior.
Relacionadas:
-
A reforma prevista na PO-308 ao seu paso por Portonovo "converterá a esta estrada nunha rúa"
Por Oskar Viéitez |
-
A Xunta cofinanciará a humanización da PO-308 ao seu paso por Portonovo
Por Oskar Viéitez |
-
Ingeniería Noroeste redactará o proxecto da humanización da PO-308 ao seu paso por Portonovo
Por Redacción |
-
Sanxenxo solicitará unha modificación de orzamento de máis dun millón de euros para obras e proxectos
Por Redacción |
-
Acondicionan a zona verde da estrada PO-308 entre Sanxenxo e A Lanzada
Por Redacción |
-
Feijóo sinala como exemplo de mobilidade segura ás sendas da PO-308 entre Poio e Sanxenxo
Por Oskar Viéitez |
-
A conexión da Vía Rápida do Salnés coa PO-504 en Sanxenxo desdoblarase tras o verán
Por Redacción |