Espectacular detención de tres mozos en Pontevedra por un asalto en Redondela
Por Redacción
Un espectacular dispositivo das policías Local e Nacional e a Garda Civil permitiu este luns a detención de tres mozos que a media mañá supostamente asaltaran e golpeado a un home á saída dunha gasolineira de Redondela. Tras o roubo, fuxiron en coche, a Garda Civil perseguiunos ata Pontevedra e, á entrada na cidade, estableceuse un operativo de control que permitiu dalos o alto e, posteriormente, arrestalos.
Aconteceu sobre as 11.15 horas á altura do supermercado Mercadona da avenida de Vigo. Veciños e viandantes presenciaron como un turismo Audi A3 de cor gris chegaba a gran velocidade e, de súpeto, cruzáronselle diante dúas motos da Policía Local. O coche viuse obrigado a deterse e os seus tres ocupantes, de 27 e 31 anos, intentaron fuxir a pé.
Un dos supostos atracadores fuxiu en dirección ao instituto Gonzalo Torrente Ballester e mentres escapaba foi soltando billetess. Foi interceptado e detido por axentes da patrulla da Garda Civil de Tráfico que lle viñan perseguindo. O segundo intentou fuxir en dirección contraria, meteuse no río Gafos e detívoo un axente da Policía Local de Pontevedra. O terceiro foi arrestado por un axente municipal antes de baixar do vehículo.
Tras a detención, os tres foron trasladados á Comisaría da Policía Nacional, o vehiculo está a ser analizado pola Policía Científica e mantense aberta unha investigación para aclarar o sucedido. Ningún dos arrestados levaba enriba unha arma, pero si o bote roubado, 49.584,37 euros en total. Levaban os cartos repartidos entre bolsos, calicetíns e petos.
Testemuñas presencias da detención indicaron a PontevedraViva que os ocupantes do vehículo levaban moitísimo diñeiro en billetes de distintas cantidades que saíron voando pola beirarrúa da Avenida de Vigo: "llevaban muchos guardados en los calcetines. Debieron repartir el dinero en el coche". Estes testemuñas apuntaban a que os tres mozos non superaban os trinta anos e un levaba unha camiseta do equipo de fútbol do A.C. Milan.
A Policía Nacional fíxose cargo da investigación e confirmou que aos tres detidos, de Vigo e Sanxexo, se lles atribúe o asalto ao propietario dunha gasolineira Repsol de Redondela cando acudiu ao centro desta localidade, deixou o coche nun aparcadoiro e se dirixía ao Banco Popular para ingresar a recadación da caixa. Aconteceu sobre as 11.00 horas. Asaltárono e déronlle unha forte malleira pola que a suposta vítima tivo que ser trasladada ao hospital Meixoeiro de Vigo, onde permanece ingresado en Urxencias con golpes por todo o corpo.
Tras este atraco, produciuse a fuxida en coche e as policías Local e Nacional de Redondela pediron a colaboración de todos os Corpos de Seguridade da provincia, incluíndo o despregamento dun helicóptero da Policía Nacional. Unha patrulla de Tráfico foi a primeira en detectar os supostos atracadores e perseguilos.
Xa en Pontevedra, a Policía Local estableceu un dispositivo para darlles o alto á altura do Nó do Pino. Viron chegar o coche a grande velocidade e ordeáronlle deterse. Non se detiveron, acenderon as sinais acústicas e luminosas durante varios metros nos que o coche golpeou outros dous vehículos intentado adiantar e fuxir. Finalmente, cortáronlle o paso e ocorreron os feitos relatados.