Un mozo dá positivo en drogas cando conduce un coche con dous menores dentro
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
O control móbil realizado pola Garda Civil de Tráfico este mércores para presentar o inicio da campaña nacional de especial vixilancia do consumo de alcol e drogas ao volante permitiu detectar a un condutor que deu positivo en consumo de drogas mentres circulaba un turismo no que viaxaban dous nenos menores.
O control realizouse no punto quilométrico 111,700 da estrada N-550, ao seu paso por Pontevedra, a media mañá deste mércores e o condutor deu positivo indiciario de consumir THC (cannabis).
O home, de 33 anos, recoñeceu aos axentes de Tráfico que consumiu "haxix fumado hai tres días aproximadamente", segundo explicou o garda civil José Ramón Álvarez Leal, da Plana Maior do subsector de Tráfico de Pontevedra.
Os axentes tomáronlle primeiro unha mostra de saliva momentánea e, tras detectar que daba positivo, tomáronlle unha segunda mostra de saliva 'evidencial' que será enviada a un laboratorio para confirmar o resultado. De momento, non se propuxo para el unha sanción, senón que tan só se lle comunicou que deu positivo en consumo da substancia THC. A sanción chegará unha vez que chegue o resultado do laboratorio, no caso de que se confirme.
O condutor, tal e como explicou o garda civil Álvarez Leal, "viña conducindo de maneira normal, non tiña unha condución temeraria", de modo que en caso de que se confirme o positivo, será unha infracción administrativa, non penal. En caso de ter unha condución temeraria, e tendo en conta que circulaba con menores no coche, a sanción será moito máis grave.
Neste caso, a sanción supoñerá unha multa de 1.000 euros (con posibilidade de reducila a 500 por pronto pago) e a retirada de seis puntos do carné de conducir.