'Move a Illa' e outros 76 proxectos para promover en Pontevedra a economía baixa en carbono
Por Redacción
O camiño cara á transición ecolóxica séguese en Pontevedra a través de 77 proxectos para reducir a emisión de carbono. Trátase de iniciativas impulsadas polo Goberno de España en distintas vilas da provincia e unha delas, 'Move a Illa' recibiu este martes a visita do delegado do Goberno en Galicia, José Miñones.
'Move a Illa' é un proxecto de mobilidade sostible que recibe 660.995 euros do programa de axudas convocado polo Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE) do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico e financiado con fondos FEDER. Desta maneira, o Goberno paga o 70% do orzamento total.
MIñones coñeceu o proxecto este martes acompañado polo alcalde da Illa, Carlos Iglesias, e a subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba. En concreto, comprobou a construción dun aparcadoiro disuasorio e dun carril bici xunto á praia do Bao.
Estas actuacións complétanse coa dotación dun servizo de aluguer de bicicletas e a reordenación de espazos urbanos, co obxectivo de diminuír a presenza de vehículos no casco urbano e promover medios de transporte alternativos.
O delegado apuntou que na provincia de Pontevedra, o programa do IDAE permite a execución de 77 proxectos que mobilizan 51 millóns de euros de investimento, dos que o Goberno achega 41. Estes proxectos benefician a 26 concellos, unha mancomunidade e a Deputación Provincial.
José Miñones destacou o apoio do Executivo aos concellos de Galicia para promover a súa transición cara a unha economía baixa en carbono e que se traduce en investimentos por valor de 157 millóns de euros en 428 proxectos en toda a comunidade.
O programa subvenciona proxectos de mellora de eficiencia enerxética, mobilidade sostible e uso de enerxías alternativas, entre outros, cun denominador común: reducir as emisións á atmósfera e mellorar a saúde ambiental destes municipios.