A Lama finaliza a rehabilitación do lavadoiro da Pedreira
Por Redacción
A Lama acaba de rematar a obra de restauración e posta en valor do lavadoiro da Pedreira cun investimento de 11.500 euros que contou co subvención da Deputación de Pontevedra, a través da liña de axudas para rehabilitación e sinalización do patrimonio histórico-cultural dirixidas aos concellos da provincia.
Os traballos levados a cabo consistiron na substitución de elementos pouco coherentes coa natureza do lavadoiro como foron os materiais empregados no seu momento para a cubrición do mesmo e outros compoñentes da estrutura como pode ser un muro, o teito e as columnas feitas de formigón. Estes elementos foron substituídos por outros máis acaídos como a pedra, a madeira e a tella tipo país.
Con esta actuación o Concello pon fin á situación de abandono deste elemento etnográfico que, segundo o tenente de alcalde David Carrera, "xa a simple vista se observaba que existía un exceso de formigón que non harmonizaba nin co propio lavadoiro que cubre nin co entorno onde se atopa".
Ademais, para mellorar a accesibilidade do mesmo tamén se colocou pavimento de pedra no perímetro do lavadoiro e melloráronse as escaleiras de acceso recolocando varias pedras que se atopaban desalineadas e movidas.
A intervención supuxo tamén unha solución aos problemas que o paso do tempo foi provocando nesta construción. Así aplicóuselle unha limpeza en profundidade a todo o conxunto, a través do uso dunha hidrolimpadora, coa finalidade de retirar a acumulación de liques e musgos que co paso do tempo e as substancias que segregan acabaron provocando danos na pedra.
Finalmente, procedeuse a limpar e encintar os muro de pedra tradicionais que existe no entorno do lavadoiro, paños de pedra que enmarcan e potencian a beleza da construción e que posúen un valor estético en si mesmo.