Os recunchos naturais, culturais e gastronómicos de Bueu, a ritmo de camiñada
Por Redacción
Dar a coñecer os recunchos naturais, culturais e gastronómicos de Bueu e que cheguen a toda a poboación. Ese é o obxectivo co que se pon en marcha este verán 'Sabor e mar', un programa de rutas impulsado polo Concello de Bueu.
As rutas desenvolveranse todos os venres entre o 18 de xuño e o 17 de setembro, e precísase inscrición previa para todas elas. As persoas interesadas poderán anotarse no correo turismo@concellodebueu.gal ou no teléfono 986324457.
Estas camiñadas teñen un custo 6 euros por persoa e incluirán unha ruta guiada e a elaboración dunha tapa mariñeira por parte dunha cociñeira profesional, que se poderá degustar ao remate na praza de abastos.
As rutas partirán todos os venres ás 10.00 horas e buscan dar a coñecer o patrimonio natural e inmaterial da contorna tanto para a veciñanza como para as persoas visitantes.
A concelleira de Promoción Económica e Turismo de Bueu, Silvia Carballo, destaca que é importante que se coñezan os lugares máis importantes da cultura da vila e os produtos que trae o mar, de aí que dende o goberno local se aposte, un ano máis, polo turismo sostible e de natureza, con accións de promoción dos produtos e espazos locais.