Sanxenxo reforzarase este verán con máis axentes da Policía Local e da Garda Civil
Por Oskar Viéitez
Sanxenxo volverá contar cun amplo dispositivo de seguridade acorde co incremento poboacional que experimenta o municipio durante a tempada estival. Así se acordou na Xunta Local de Seguridade celebrada este luns e presidida a subdelegada do goberno, Maica Larriba, e polo alcalde, Telmo Martín.
Os reforzos volverán ser importantes e mesmo se incrementarán respecto ao verán pasado. A Policía Local contará con 24 axentes de persoal e 35 auxiliares (4 incorporáronse xa en Semana Santa e 31 sumaranse nos próximos días). Pola súa banda, a Garda Civil fará tamén un importante esforzo cunha ampliación do seu persoal habitual con 20 axentes máis que dedicaranse ao control de tráfico e de seguridade cidadá.
"Sanxenxo volverá a ser un referente de seguridade, grazas a coordinación entre a Policía Local e a Garda Civil. Os datos dinnos que este verán vai a haber moita máis xente que o ano pasado e precisamos o maior apoio posible dos corpos de seguridade e así vai a ser", indicou Martín.
DATOS DE CRIMINALIDADE
Os datos de criminalidade sitúanse lixeiramente por encima da media da provincia un comportamento que o coronel xefe da Garda Civil, Simón Venzal, atribúe a que Sanxenxo mantivo durante o pasado verán, cando se concentra un maior número de visitantes, unhas cifras de poboación moi superiores a outros concellos de Galicia.
En xeral e como no resto da provincia, a tendencia é a baixada dos roubos e furtos, e a subida das estafas por internet. Sanxenxo conta cun "posto punteiro", segundo indicou Venzal, da Garda Civil cun equipo de investigación propio de ciberdelitos e está prevista unha campaña de sensibilización por parte da Benemérita.
Pola súa banda, a subdelegada asegurou que "á vista dos datos analizados, Sanxenxo é unha localidade tranquila e segura, que rexistra unha baixa incidencia de criminalidade". Na actualidade o posto da Garda Civil de Sanxenxo rexistra un índice de esclarecementos de delitos do 42 %, que, en palabras da subdelegada, evidencia "o bo facer e arduo traballo que realizan os axentes nesta localidade".
Outro dos asuntos acordados na xunta local foi apagar o semáforo de As Salinas en Noalla desde o 1 de xullo e ata o 31 de agosto para dar unha maior fluidez ao tráfico nunha época na que existe unha gran afluencia de vehículos.
OPERATIVO ESPECIAL
Outro dos asuntos abordados durante a Xunta Local de Seguridade foi a celebración do Rallye de Pontevedra "Memorial Miguel Álvarez". A proba conta con case 200 rexistrados e que terá o seu porto basee en Sanxenxo cun tramo da competición automobilística no parque empresarial.
A Garda Civil despregará un amplo dispositivo de 60 axentes por terra e aire para controlar a proba e os desprazamentos.