Os traballadores do Concello rebélanse contra a política de Persoal
Por Manu Otero
Representantes das cinco organizacións sindicais con representación na xunta de persoal do Concello de Pontevedra compareceron diante dos medios de comunicación este luns para expresar o seu malestar polas tensións que, a xuízo dos traballadores, a política de persoal do goberno local está a producir no colectivo.
Denuncian os representantes do funcionariado o incumprimento por parte da administración local de acordos anteriores a este mandato, a imposición "errática" de condicións de traballo que afectan o persoal ou a falta dun proxecto que mellore a eficiencia, calidade e atención á cidadanía. Pero é a falta de vontade negociadora o que máis enfada aos traballadores, que deixaron de acudir ás mesas de negociación en sinal de protesta.
"Non imos ás mesas de negociación porque non se negocia, impoñen as súas medidas. Aproban todo co voto en contra dos sindicatos", denuncia a presidenta da Xunta de Persoal, Yolanda González.
Critican ademais que a concellería de Persoal, que dirixe a nacionalista Carmen Fouces, conta cunha dedicación exclusiva e unha partida orzamentaria que se incrementou en máis de 130.000 euros con respecto ao mandato anterior.
Este aumento "non se reflicte nunha mellora na eficacia ou calidade técnica desa xestión, proba deles son as numerosas sentenzas xudiciais que recoñecen a vulneración sistemática de dereitos laborais no seo do Concello de Pontevedra", sosteñen os traballadores, que fan referencia a máis dunha trintena de sentenzas xudiciais favorables aos traballadores e outros tantos procesos aínda abertos.
A pinga que colmou a paciencia dos traballadores foron as trabas que o goberno local está a poñer para a concesión de permisos. Aseguran que, en plena pandemia, obrigaban aos empregados para presentar un certificado médico do Sergas para a concesión de permisos por problemas puntuais de saúde.
Por todo iso, os representantes dos traballadores reclaman un encontro co alcalde Miguel Anxo Fernández Lores para facerlle coñecedor da situación e tratar de pactar con el unha solución a un conflito que, para empezar, pasaría pola aplicación do convenio regulador do 2007 e o cumprimento dos acordos alcanzados nos últimos anos entre o persoal e a administración.
Cun respaldo do 95%, os traballadores non deixarán de pelexar pola defensa dos seus dereitos. "Se hai que chegar á folga, chegaremos", advirten.
Relacionadas:
-
Pitos á entrada da mesa de persoal do Concello, que se suspende por falta de quórum
Por María José Pita & Mónica Patxot |
-
O PP pide a dimisión de Carmen Fouces tras a sentenza polo despedimento de Pilar Portela
Por Redacción |
-
O Concello recorrerá a sentenza sobre o cesamento de Pilar Portela ao apreciar "incoherencias"
Por Alejandro Espiño |
-
Remodelación "profunda" do goberno de Lores coincidindo co ecuador do mandato
Por Alejandro Espiño |