Continúan as temperaturas de ata 30 graos nas Rías Baixas con posibilidade de tormentas ocasionais
Por Cristina Saiz & Redacción
Durante este luns 14 de xuño, o servizo de Meteogalicia sinala que a xornada quedará caracterizada polas condicións de inestabilidade atmosférica que provoca a presenza de aire frío en altura.
Desta maneira espérase un inicio do día con algún intervalo de nubes e néboas illadas, pero tamén numerosos puntos de ceo despexado nas Rías Baixas. Será a partir do mediodía cando aumenten as nubes de evolución coa posibilidade de que deixen chuvascos de tipo tormentoso, máis probables en zonas do interior, localmente irán acompañados de saraiba e aparello eléctrico.
As temperaturas situaranse entre os 17 e os 30 graos con ventos que soprarán frouxos de dirección variable en xeral.
Ao longo do martes 15 espérase que persista a situación anticiclónica e a presenza de aire frío en altura polo que o tempo manterase moi cambiante. O amencer será con néboas nas Rías Baixas e nubes noutros puntos do litoral galego e en zonas altas do interior. Xa durante a tarde aumentarán as nubes de evolución ocasionando, de novo, tormentas no interior da comunidade autónoma, coa posibilidade de saraiba e aparello eléctrico.
As temperaturas manteranse sen cambios ou en lixeiro descenso establecéndose entre os 16 e os 30 graos. O vento soprará frouxo de dirección variable.
O mércores 16 achegarase unha pequena borrasca que ofrecerá aire algo máis frío e húmido que nas xornadas anteriores. O día comezará con ceos moi nubrados no litoral e alternando nubes e claros no interior. Durante a tarde repetiranse os fenómenos tormentosos no interior, pero con menor intensidade que nas xornadas previas.
As temperaturas de madrugada serán moi suaves pero as máximas sufrirán un acusado descenso alternando entre os 15 e os 21 graos. Os ventos soprarán con escasa intensidade, de dirección variable durante a mañá, tomando compoñente norte ao longo da tarde.
A segunda metade da semana virá marcada pola entrada de aire atlántico, máis fresco e húmido. Desaparecerán as tormentas pero as temperaturas baixarán aumentando a probabilidade de choivas, de tipo débil e persistente, principalmente na xornada do xoves.
As temperaturas espérase que oscilen entre os 12 e os 22 graos.