O alivio das restricións permite recuperar a procesión de San Antonio
Por Redacción
A parroquia de San Xenxo de Padriñán volveu celebrar este domingo 13 de xuño a tradicional festa de San Antonio cunha xornada que comezaba coa actuación da Banda de Música de Sanxenxo percorrendo diferentes rúas da vila turística.
Non faltaron as bombas de palenque e o son da campá neste día grande para os fieis da parroquia. Ás 20.00 horas desenvolvíase a Misa Solemne en honra ao santo, cantada polo Coro Parroquial San Ginés de Padriñán coa presenza de diversos representantes da corporación municipal.
Tres cuartos de hora máis tarde comezaba a procesión de San Antonio na contorna do templo. Desta forma recuperábase unha tradición despois dun ano sen poder celebrarse debido á pandemia. O acto desenvolvíase adoptando todas as medidas de seguridade sanitaria e coa presenza do alcalde Telmo Martín.
Abelardo Rodiño e Conchi González, encargados da organización da procesión, manifestaban a súa satisfacción co resultado en canto á participación na primeira procesión que se realiza en Sanxenxo no exterior desde que comezou a pandemia por covid-19. Anuncian que, se a situación sanitaria o permite e o pobo colabora, proxectan realizar tamén as procesións das festas patronais en agosto e en setembro.