O conselleiro de Sanidade ve con optimismo a reapertura do ocio nocturno o vindeiro 1 de xullo
Por Redacción
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, afirmaba este domingo que as probas realizadas durante a noite do sábado ao domingo en seis pubs e discotecas de Pontevedra, Vigo, Santiago, Ourense, Lugo e A Coruña resultaron satisfactorias.
Segundo apuntou o tiular de Sanidade na Xunta de Galicia "todo o que nos chega destas probas é positivo", polo que manifesta a súa confianza en que a partir do 1 de xullo poida reabrirse a actividade de lecer nocturno.
Destacou o cumprimento das normas establecidas e a organización nas entradas ordenadas nos locais escollidos para realizar as probas e as únicas incidencias detectáronse en relación coa monitoraxe dos niveis de CO2 debido a problemas técnicos do sistema que mide estes rexistros.
Ademais destacou o bo comportamento por parte da clientela destes establecementos e agora, tras o estudo que se realice pola Xunta de Galicia, a intención é que o próximo mes se permita a apertura dos locais deste sector atendendo a pequenos axustes que se deben acometer nos protocolos de actuación. García Comesaña adiantou que haberá unha próxima reunión co sector para analizar estas probas.
En relación coa celebración dos botellóns na rúa, o conselleiro afirmou que os Concellos puxeron os medios necesarios para que a xornada do sábado se desenvolvera con normalidade a pesar de que se liberaron as limitacións de reunións de grupos.
Sinalou que non se produciron problemas de orde pública destacables nin tiña constancia da celebración de "ningún botellón específico", un tipo de celebracións que están expresamente prohibidas en Galicia.
Relacionadas:
-
Os locais de ocio nocturno poderán abrir ata as 3 da mañá e usar as pistas de baile
Por Oskar Viéitez |
-
Galicia reabre o lecer nocturno e permitirá o 100% do aforo nas terrazas de hostalería
Por Alejandro Espiño |
-
O primeiro baile
Por Manu Otero & Cristina Saiz |
-
A área sanitaria comeza a semana con só 127 casos activos por covid-19
Por Redacción |
-
Comeza a reactivación do ocio nocturno
Por Cristina Saiz & Anxo Lourido |
-
Todo listo na Pomada para o reinicio do lecer nocturno este sábado
Por Manu Otero |
-
La Pomada ensaiará a reapertura do lecer nocturno o 12 de xuño e cun aforo do 50%
Por Manu Otero |
-
La Pomada porá a proba as medidas para a reapertura do lecer nocturno
Por Redacción |