Presenta un certificado descargado de internet dun médico negacionista para xustificar que non leva máscara
Por Redacción
Axentes da Policía Local de Poio observaban a un home camiñando pola avenida Andurique sen levar a máscara de protección sanitaria durante a xornada do venres 11 ao mediodía. Ante esta situación, identificaron o home que é un veciño de Poio de 65 anos de idade.
O home alegou que posuía un certificado de exención do uso da máscara que lle ensinou aos axentes no que se recollía que sofre unha patoloxía de carácter neuro-respiratorio que lle imposibilita levar máscara.
Unha vez revisado de maneira detida, a Policía Local comproba que se trata dun documento tipo onde constan os datos do doutor Manuel Jesús Rodríguez, colexiado, pero o texto non aparece selado en tinta nin rubricado para certificar a revisión do paciente.
O doutor fíxérase famoso por protagonizar un incidente no programa televisivo de Risto Mejide onde recoñecía ser negacionista do coronavirus e non empregar máscara.
O veciño de Poio explicou aos axentes de maneira espontánea que o xustificante fora obtido a través dun amigo seu que é médico e que agora se atopa traballando nun país africano pero afirmou que descoñecía o nome dese doutor que expediu o documento.
A Policía procedeu a ocuparse dese certificado de exención do uso de máscara e informaron da instrución por un presunto delito leve de falsidade documental ao entender que un certificado é un documento de tipo administrativo, no que unha persoa, institución pública ou privada, legalmente autorizada para acreditar un feito como lexítimo, constata que se cumpriu co que afirma o documento.
Unha vez que os axentes analizaron de maneira detida o documento observaron que carecía de numerosos elementos de seguridade. Despois comprobaron que o certificado se atopa nunha páxina da internet desde onde se pode descargar para despois completalo cun nome e unha firma.
Os feitos foron postos a disposición xudicial para tramitar unha acusación contra o veciño de Poio como presunto autor dun delito leve de falsidade en documento administrativo para evitar o uso da máscara.
Relacionadas:
-
O condutor dunha furgoneta ameaza un veciño de Poio cunha barra metálica e unha cadeira por unha discusión de tráfico
Por Redacción |
-
Un condutor, que dá positivo en consumo de cocaína, impacta contra unha moto deixando ferido ao piloto
Por Redacción |
-
A Policía Local de Poio cumpre medio século ao servizo da cidadanía
Por Redacción |