O anteproxecto da nova Lei Estatal de Memoria Democrática e a impunidade do franquismo, a debate
Por Redacción
Representantes de 17 colectivos memorialistas analizaron e debateron na Deputación de Pontevedra temas de actualidade como o anteproxecto da nova Lei Estatal de Memoria Democrática, a impunidade do franquismo nos tempos actuais, a simboloxía franquista que permanece en diferentes localidades, o litixio xudicial coa familia Franco polo Pazo de Meirás ou a dificultade para acceder a arquivos que permitan investigar o golpe militar do 36 e a ditadura.
Estes temas tratábanse durante a xornada 'Galiza ten memoria. Políticas públicas', que organizaba o Departamento de Memoria Histórica da Deputación, que dirixe a deputada María Ortega. Neste debate tamén participaron representantes dos tres grupos políticos do Parlamento de Galicia.
Con esta xornada, a institución provincial busca un intercambio de pareceres para crear un foro de contacto que permita o diálogo coas administracións sobre estas temáticas. Durante este encontro, numerosas asociacións mostraron o seu espírito crítico como a nova Lei de Memoria Democrática ao entender que deixará sen resolver a defensa das vítimas do Franquismo.
Tamén se desenvolveu unha análise sobre as políticas públicas de memoria en Galicia na que non faltaron críticas sobre a falta dun departamento específico que trate cuestións relacionadas coa Memoria Histórica.
Fíxose unha petición expresa ás administracións para que se unan á reclamación da sociedade para a recuperación do Pazo de Meirás que permita a entrada da democracia neste edificio simbólico.
Ademais deste debate, a deputada María Ortega realizou unha presentación do catálogo de actividades que o Departamento de Memoria Histórica levará a cabo ofrecéndollo aos diferentes municipios da provincia e aos colectivos que queiran poñer en marcha propostas de maneira gratuíta ao longo deste 2021.
Entre estas iniciativas atópase o pre-estrea do documental 'Acorda', dirixido artisticamente por Uxía, ademais da escenificación de 'A señora de Forcadela', unha peza teatral e do taller de 'Músicas represaliadas' a cargo do músico Xurxo Souto.
Relacionadas:
-
O Goberno financiará a exhumación dunha fosa de vítimas da Guerra Civil en Tenorio
Por Oskar Viéitez |
-
O traballo da Deputación en memoria histórica, a golpe de click
Por Redacción |
-
'O pasado por vir. Achegas á historia da Pontevedra que desbotou o franquismo', presentado na Deputación
Por Redacción |
-
"É importante que haxa plataformas para visibilizar historias de memoria histórica"
Por Redacción |