O condutor dunha furgoneta ameaza un veciño de Poio cunha barra metálica e unha cadeira por unha discusión de tráfico
Por Redacción
A Policía Local de Poio era alertada o mércores 9 dun enfrontamento entre dous homes na rúa Avenida da Barca, á altura do número 18. Os axentes, unha vez que chegan ao lugar, identifican a un dos implicados na agresión, un veciño de Poio de 28 anos, que ensina varias lesións no corpo.
Esta persoa manifesta que a agresión se había iniciado por unha discusión de tráfico na rotonda da Barca cunha persoa que descoñecía e que abandonara o lugar antes de que chegase a Policía Local. Segundo relataba esta persoa, o outro implicado foi quen comezara a agresión e que, durante o enfrontamento, exhibiu unha barra de ferro prateada sacándoa da parte traseira da furgoneta que conducía. Con esa barra comezou a ameazar e tentou golpear o outro condutor.
Durante o forcexo, os dous implicados fóronse ao chan e, a continuación, o que portaba a barra tentaba utilizar unha cadeira da terraza dun bar situado nas proximidades para continuar coa agresión. As testemuñas que se atopaban na zona ante o incidente chamaran á Policía Local.
Os axentes, tras recoller a descrición do presunto agresor, un home que viaxa cunha furgoneta de traballo de cor branca, consegue localizar o vehículo circulando nas inmediacións. Tras dar o alto, o condutor recoñece ter protagonizado un altercado.
O home identifícase como un veciño de Poio, de 55 anos. Unha vez que os axentes lle piden que abra a parte de atrás da furgoneta, comproban que leva a barra que coincide coa descrición realizada tanto polas testemuñas como polo agredido. A barra é requisada pola autoridade policial, que inicia o trámite contra o condutor comom presunto autor dun delito de lesións, despois de recoller a denuncia e o parte de lesións. Toda a documentación foi remitida ao xulgado de garda.
Ademais, tamén se propón para sanción administrativa ao suposto agresor por portar e exhibir un obxecto contundente para levar a cabo a agresión.
Relacionadas:
-
Presenta un certificado descargado de internet dun médico negacionista para xustificar que non leva máscara
Por Redacción |
-
Un condutor, que dá positivo en consumo de cocaína, impacta contra unha moto deixando ferido ao piloto
Por Redacción |
-
A Policía Local de Poio cumpre medio século ao servizo da cidadanía
Por Redacción |