Alertan da presenza dun niño de avespas no oco dun bolardo na Xunqueira
Por Redacción
Enorme susto o que levou un mozo de Pontevedra que se achegaba nas últimas horas ata o Recinto Feiral para vacinarse nesta instalación. Mentres se atopaba na zona, apoiou accidentalmente un pé sobre unha das pezas de ferro instaladas para evitar o paso de vehículos á contorna do Pazo da Cultura na rúa Alexandre Bóveda. Nese momento comezaban a saír avespas do oco aberto no bolardo.
O mozo puido evitar que os insectos lle picasen pero gravou un vídeo para alertar sobre esta situación de perigo. Lembra que este niño está situado a poucos metros dos centros de estudo da Xunqueira e tamén a escasa distancia do Recinto Feiral, onde diariamente acoden numerosas persoas para recibir as súas doses contra a covid-19.
Ao entender que a situación é perigosa, o mozo tamén se trasladou ata as oficinas da Policía Local situadas no Pazo da Cultura para denunciar esta situación á espera de que se retire o niño canto antes. Nas últimas horas, o oco foi taponado para evitar a saída das avespas.