O 1 de novembro deberán estar contratados os 870 novos traballadores da Deputación
Por Redacción
O 1 de outubro é a data límite para que os concellos da provincia que desexen acollerse ao II Plan de Emprego da Deputación presenten as súas solicitudes, co obxectivo de que antes do 1 de novembro estean formalizados os 870 contratos que a Administración Provincial financiará para que traballadores desempregados presten servizos básicos nos concellos.
Na solicitude os concellos deberán indicar os servizos para os que demandan o persoal e o perfil das persoas desempregadas que precisan contratar, tendo en conta que deberán ir destinadas obrigatoriamente á prestación ou ao desenvolvemento de servizos, tarefas e funcións de carácter prioritario.
Os contratos serán a tempo parcial e cunha duración de seis meses, sendo o salario de cada traballador de 700 euros
O obxectivo da Administración provincial é darlle unha oportunidade de traballo a persoas que nestes momentos se atopan nunha situación precaria. Por iso, a iniciativa vai dirixida especialmente a persoas de máis de 30 anos que non só se atopen en situación de desemprego, senón que tamén carezan de prestacións ou dispoñan unicamente de prestacións sociais básicas coma o RISGA.
Os contratos serán a tempo parcial e cunha duración de seis meses, co que se busca darlle unha oportunidade ao maior número posible de persoas, ao tempo que se dota aos concellos de recursos humanos para a prestación de servizos básicos.
Nesta liña, cada concello disporá de entre 8 e 17 traballadores, segundo o número de habitantes.
Os concellos beneficiarios deste plan de emprego terán que solicitar os traballadores a través da oficina pública de emprego e encargaranse de tanto de facer a selección do persoal de entre os candidatos remitidos pola antedita oficina como de formalizar os contratos.
Pola súa banda, a Administración Provincial correrá cos custes salariais íntegros destas contratacións, para o que dispón dun orzamento de 3.010.953,60 euros, sendo o salario de cada traballador de 700 euros.