Un congreso reunirá na illa de Ons expertos en relacións públicas de España e Portugal
Por Redacción
Preto de oitenta investigadores de España, Portugal e América latina participarán entre o 30 de xuño e o 2 de xullo na décimo quinta edición do Congreso Internacional de Investigación en Relacións Públicas. É a terceira vez que a Universidade de Vigo actúa como anfitrioa do evento.
O congreso estará coordinado por Ana Belén Fernández Souto e Iván Puentes, profesores da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, e conta xa con 250 inscritos. Será unha cita que combinará a participación presencial coa virtual a través do campus remoto.
Este cambio permitirá, nun contexto de pandemia, que o evento se desenvolva nun parque nacional perfectamente aforado, con grandes espazos naturais ao aire libre e coa vontade de facer o maior número de actividades posibles no exterior.
Así, o congreso busca tamén contribuír á difusión das Rías Baixas como un destino turístico seguro, xa que, segundo Puentes, a universidade "ademais de ser un axente científico e académico ten que ser tamén un axente económico".
Comunicar en la economía y sociedad de la confianza é o título desta edición dun congreso que buscará pór o foco "nunha clave básica nas novas estratexias de comunicación".
Como destacan os seus responsables, a sociedade "está marcada por unha crise de confianza", que afecta ao ámbito institucional e ao empresarial e que fai que o gran reto das relacións públicas sexa "establecer relacións de confianza entre as organizacións e os seus públicos".
Este reto será un dos aspectos a abordar nas seis mesas de presentación de comunicacións que forman parte do programa deste evento, no que tamén se porá o foco noutra serie de cuestións como o ensino das relacións públicas, as novas prácticas profesionais ou o papel que xogan na comunicación política e na "loita contra a desinformación".
A comunicación política será así mesmo o eixo da conferencia de clausura, a cargo do profesor da Universidade do Porto Fernando Vasco Moreira Ribeiro, mentres que o relatorio inaugural, impartido pola docente da Universitat Oberta de Catalunya Laura Verazzi, analizará relacións públicas internas dentro das empresas e organizacións.