O polígono de Vilanova triplica a súa ocupación nun ano
Por Redacción
O polígono de Vilanova de Arousa está en plena expansión tras anos paralizado. No último ano adxudicáronse ou vendéronse ata 60.206 metros cadrados, o que supón triplicar a superficie que estaba ocupada previamente, pasando do 13% en 2020 a preto de 43% en 2021.
Esta expansión acaba de ter este xoves un novo episodio coa adquisición dunha nova parcela. A empresa Sociedade Agrícola Galega, Soaga, que xa emprega a medio centenar de traballadores na actual planta, adquiriu a “Suelo Empresarial del Atlántico” (SEA), unha nova parcela.
A xerente de SEA, Beatriz Sestayo, e o presidente de Soaga, Carlos Vila, asinaron ante notario a venda desta nova parcela, que ascende a 2.715 metros cadrados, por un importe de 214.228 euros. Soaga, que fabrica e distribúe proxectos para a agricultura e a gandería, desde fertilizantes ata alimentos animais ou sementes, conta cun persoal total de 120 traballadores e ocupaba xa catro parcelas en Vilanova.
Desta forma, Soaga confirma a súa aposta polo polígono e parque empresarial de Baión e súmase así ás últimas empresas en adquirir ou alugar chan neste polígono. Nos últimos meses, SEA asinou operacións con Sogama (7 parcelas de 20.000 metros cadrados por 1,5 millóns de euros), con Vinova Group (5 parcelas, en 20.000 metros cadrados en Dereito de Superficie) e agora con Soaga.
Vinova Group, vinculada ao Grupo Cíes, optou polo chan en "dereito de superficie" para instalar unha das maiores plantas de conxelados de Galicia. Beatriz Sestayo lembrou que, precisamente, esta modalidade, a modo de alugueiro con opción a compra, foi impulsada o pasado ano como modo de atraer investidores e facilitar o inicio da actividade e a xeración de emprego, xa que as empresas non teñen que adquirir o chan de forma inmediata.
O de Vilanova de Arousa é un dos 13 polígonos industriais que xestiona SEA en Galicia e dispón de 142.723 metros cadrados de superficie neta. Beatriz Sestayo incidiu na "excelente dinámica" do polígono e avanzou que existen negociacións moi avanzadas con novas compañías interesadas en instalarse en Vilanova de Arousa.
Suelo Empresarial del Atlántico é unha sociedade participada, maioritariamente, nun 83,44% polo Ministerio de Transportes, Movilidad e Axenda Urbana, a través de Sepes; nun 15% pola Xunta de Galicia e nun 1,65% por ABANCA. O seu obxectivo principal é o desenvolvemento e comercialización de parques empresariais en Galicia, co fin de xerar oportunidades de futuro e emprego.