Acondicionan a piscina e a área recreativa de Caroi para o seu uso durante o verán
Por Redacción
Operarios municipais acondicionaron toda a área recreativa de Caroi a través dunha actuación intensiva de roza e limpeza de toda a parcela así como o baleirado do tanque de auga que se usa como piscina nos días de forte calor no verán.
Os traballadores aproveitaron para realizar diversas reparacións no tanque así como un pintado integral da piscina que volveron a encher con auga renovada.
Esta zona é moi utilizada pola veciñanza de Caroi e de toda a parte alta do municipio. Son moitas as persoas que se achegan ata alí en verán para gozar do espazo e tamén para mollarse para combater as altas temperaturas que adoitan darse nos meses de verán.
O alcalde, Jorge Cubela, salientou que os operarios están a traballar a contrarreloxo coa fin de ter a punto todas as áreas recreativas do municipio antes da chegada do verán.