Desarticulada unha rede dedicada á prostitución de luxo en chalés de Poio e Vigo
Por Natalia Puga
A Policía Nacional dá por desarticulada unha organización dedicada á explotación sexual de mulleres ás que prostituía en dous chalés de luxo da provincia de Pontevedra, un situado en Poio e outro na avenida do aeroporto de Vigo.
Como responsables desta rede foron detidas catro mulleres de diversas nacionalidades, 3 delas do mesmo núcleo familiar. Unha delas, a encargada dos chalés, xa tiña en vigor un requirimento policial por feitos similares labores na illa de Eivissa. De momento, non foron postas a disposición xudicial e permanecen detidas en dependencias da Comisaría da Policía Nacional de Vigo.
A investigación correu a cargo da Unidade de Redes de Inmigración Ilegal e Falsidades Documentais ( UCRIF) da Brigada de Estranxeiría da Comisaría da Policía Nacional de Vigo e séguese polos delitos de trata de seres humanos con fins de explotación sexual, prostitución, pertenza a organización criminal e contra a saúde pública.
Todo comezou por mor dunha declaración na comisaría de Vigo en marzo dunha muller estranxeira que agora está clasificada como testemuña protexida e que relatou que había dous chalés dedicados á prostitución de luxo en Vigo e Poio.
Os policías pescudaron que devanditos inmobles réxense baixo o nome de 'La Suite', e que á fronte está unha muller de orixe brasileira. Ten catro sociedades distintas ao seu nome e, a través delas, dedícase á explotación de mulleres dedicadas á prostitución e leva un alto nivel de vida.
A investigación permitiu desenmascarar un armazón clan familiar que "controla, supervisa e explota o exercicio da prostitución allea", así como a distribución de substancias estupefacientes no interior dos chalés durante os servizos de prostitución.
A investigación comezou en marzo e culminou este xoves 10 de xuño, cando o Xulgado de Instrución número 7 de Vigo autorizou á Policía Nacional realizar rexistros nas vivendas citadas co fin de localizar outras posibles vítimas. De momento, fontes consultadas por este xornal descartan dar detalles de se apareceron novas vítimas, pero si relataron que os rexistros permitiron localizar efectos relacionados coa investigación.
Así, localizaron documentación dos negocios rexentados e das mulleres que pasaron por estes lugares, diñeiro en efectivo e múltiples recibos e TPVs relacionados con esta prostitución. Tamén interviñeron substancias estupefacientes preparadas para a súa distribución e consumo e útiles para a súa preparación.
Dos datos investigados despréndese que, polo menos desde inicios do ano 2020, a organización estableceuse como un dos principais negocios de prostitución en pisos de citas de Galicia baixo o nome da "La Suite".
A finalidade última de de este grupo é a de obter un ilícito beneficio da actividade de prostitución exercida polas vítimas nos inmobles que xestionan, amparando dita actividade e os ingresos obtidos en sociedades constituídas a nome a principal investigada.
A investigación continúa aberta e non se descartan novas detencións.