Portonovo contará este verán cunha feira de artesanía galega no Paseo de Baltar
Por Oskar Viéitez
O goberno local de Sanxenxo anunciou que este verán o Paseo de Baltar acollerá unha feira cun total 30 expositores nos que se poñerán á venda produtos co selo de Artesanía de Galicia.
A empresa municipal Insula Sanxenxo ultima os pregos para sacar a concurso a xestión da feira e a subministración das casetas convencido de que "é o momento de abrir unha nova etapa dunha actividade que atrae cada ano a miles de visitantes á vila portonovesa".
Segundo o goberno local, trátase de "un novo modelo ofrecerá produtos diferentes aos que se venden no comercio local e axudará a dinamizar a actividade hostaleira e turística". A feira estará aberta desde mediados de xullo ata o 15 de setembro cun horario matinal e polas tardes.
A empresa ou asociación que gañe o concurso de xestión da feira que sairá a licitación deberá facerse cargo da seguridade e vixilancia, e dotar de contido a cita con talleres ou actividades puntuais que profunden na actividade feiral. A subministración das casetas realizarase a través doutro proceso que contemplará a montaxe, desmonte e unha sombra lineal ao longo de toda da feira a través dunha pérgola.
A superficie de ocupación prevista das casetas será de 225 metros cadrados aproximadamente, que se corresponde con 30 casetas de 7,50 metros cadrados de superficie cada unha (3,00 x 2,50 metros).
O prego contemplará dous modelos: As casetas frontais deberán contar con sistema de peche de apertura frontal completa e de persiana motorizada e as casetas de esquina deberán contar con sistema de peche de apertura frontal e lateral completos, e de persiana motorizada.
O contrato da subministración das casetas non será necesario o próximo ano. O goberno vai encargar un deseño exclusivo e propio para sacar a concurso a compra de expositores que poderán ser utilizados nos distintos eventos que organice o Concello ao longo do ano e para o que xa existe unha partida contemplada no orzamento deste ano de 120.000 euros.