361 edificacións de Pontevedra, obrigadas a renovar os seus Informes de Avaliación cada 10 anos
Por Redacción
Xaquín Moreda, concelleiro de Urbanismo, informaba este xoves de que se atopa avanzada a modificación da Ordenanza municipal que se encarga de regular o Informe de Avaliación de Edificios. A intención é que se adapte á normativa autonómica que xa entrou en vigor, que é o instrumento que acredita a situación en que se atopa un edificio.
A actual ordenanza foi aprobada en 2017 pero a Xunta desenvolveu unha lei en 2019 a través dun Decreto que regula este tipo de avaliacións e, ademais, crea un rexistro para a comunidade de Informes de Avaliación de Edificios.
Desde o ano 2015, o rexistro municipal recolle 361 edificacións avaliadas. Estes inmobles deberán renovar os seus Informes de Avaliación cada dez anos e, por tanto, esas seguintes renovacións trasladaranse ao rexistro galego.
Entre os cambios previstos para a modificación da Ordenanza contémplase:
- A certificación enerxética do edificio de maneira obrigatoria en edificios residenciais.
- Quedarán exentos de presentar o Informe aqueles edificios que presenten unha resolución firme de ruína, pero non valerá que se iniciou unicamente o expediente para a declaración de ruína.
- Establecerase a obrigatoriedade para naves e outro tipo de inmobles que superen os 50 anos, aínda que o Decreto autonómico só establece o ámbito de aplicación a edificios colectivos. Neste outro tipo de inmobles inclúense aqueles edificios de varias plantas do centro histórico da cidade cun só propietario.
- Introducirase unha adaptación do calendario segundo o recollido no Decreto autonómico. Desta forma, a partir da entrada en vigor, os edificios catalogados dispoñerán dun ano para presentar o Informe de Avaliación e de tres anos para o resto de edificios, sempre que se traten de construcións de máis de 50 anos.
- Desaparecerá o rexistro municipal de Informes de Avaliación de Edificios e remitirase ás ferramentas do Decreto da Xunta: o rexistro galego de Informes de Avaliación de Edificios, o novo modelo recolleito no Decreto, e a plataforma de redacción dos informes e xestión do rexistro, que é o sistema desde o que se cargan os informes.
Moreda sinalaba que entre os anos 2017 e 2019 existiu un baleiro legal ata que se aprobou o Decreto da Xunta de Galicia, que regula o Informe de Avaliación dos Edificios e crea o Rexistro Galego de Informes.