Visto para sentenza o xuízo contra un vilagarcián acusado de sete delitos contra a súa parella e que só recoñece un
Por Natalia Puga
A sección cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra deixou visto para sentenza o xuízo contra Francisco, un veciño de Vilagarcía ao que a Fiscalía e a acusación particular atribúenlle sete delitos diferentes labores contra a súa parella, abusos sexuais con penetración, furto, ameazas graves e malos tratos habituais, lesións, coaccións e acoso contra a muller, pero que só recoñece que pode cometer un delito de lesións.
O xuízo comezou xa semanas atrás, pero quedara pendente de que prestase declaración unha psicóloga que realizou un informe pericial sobre o acusado. Este xoves fíxoo por videoconferencia durante apenas uns minutos nos que se ratificou en que o procesado contestou o seu cuestionario con sinceridade.
A continuación, o xuízo encarou a súa recta final e tanto a Fiscalía como a acusación particular elevaron a definitivas as súas conclusións previas -a Fiscalía con pequenas variacións no relato de feitos- e pediron que sexa condenado a 19 anos de prisión por maltratar física e psicoloxicamente á súa parella durante os seus oito anos de relación.
O acusado, durante a súa declaración no inicio do xuízo, asegurou que "nunca a obriguei a facer nada" e "sempre que fixemos algo, foi cousa dos dous". O seu avogado defensor, no momento do informe final, recoñeceu que, como moito, podería considerárselle autor dun delito lesións por uns feitos ocorridos no ano 2014 nunha hípica.
A vítima declarou a porta pechada, de modo que a súa declaración non se coñece. Con todo, nas súas conclusións finais, o fiscal referiuse a ese testemuño e asegurou que lle dá total "credibilidade" e "verosimilitude" e que, en base ao mesmo e ao resto de probas practicadas, "quedou plenamente acreditado" que cometeu todos os delitos que lle atribúe.
O fiscal fala dun "clima constante de malos tratos" desde o inicio da relación. Xa no seu escrito inicial de acusación recollía que durante o tempo que se prolongou esa relación, "e de forma cada vez máis intensa conforme ía avanzando a mesma", exerceu sobre ela "constantes e reiterados actos de violencia física e psíquica, chegando a insultala, menosprezala, ameazala e agredila fisicamente e, co ánimo de controlala e sometela á súa vontade, dedicouse tamén a revisar o seu teléfono móbil e controlar as súas amizades".
Ademais, en moitas ocasións, cada vez que el acababa a súa xornada laboral e regresaba ao domicilio onde ambos convivían, sen aviso previo/previo aviso, introducíalle a man na vaxina. Este xoves, no trámite de conclusións definitivas, quixo matizar que facía este xesto coa vaxina "para comprobar se mantivera relacións sexuais con outros homes".
A acusación particular, ademais, alertou de que a súa conduta continúa, xa incorreu en quebrantamento da orde de afastamento da vítima e aínda o venres pasado a vítima tivo que chamar á UFAM da Policía Nacional porque o acusado estaba a perseguila. Este dato, con todo, valeulle que a presidenta do tribunal, Nélida Cid, lle chamara a atención, pois nesta vista tan só pode facer referencia aos feitos que se xulgan, e que non teñen nada que ver co venres pasado, senón cos oito anos de relación.
O acusado non fixo uso do seu dereito á última palabra ao final do xuízo, pero si falou o seu avogado defensor, que no seu informe final criticou que as conclusións do fiscal e o avogado da acusación particular "chocan frontalmente con la prueba practicada" durante o xuízo.
Entre outras cuestións, aféalles que falen de malos tratos habituais e, con todo, só relaten dous episodios concretos de malos tratos, un en Vilanova de Arousa e outro nunha hípica, ocorridos ambos en 2014. O da hípica é o que recoñece o avogado defensor. Deste episodio hai unha testemuña, unha amiga de ambos, que declarou no xuízo que nunca presenciou unha agresión, pero si que ela a chamou moitas veces para que fose buscala e, ao chegar, notáballe a roupa rota ou lesións. No caso da hípica, á súa chegada, viu signos de que ela fora agredida.
O avogado defensor insiste en que dos delitos de abusos sexuais, ameazas, coaccións ou acoso non hai ningunha proba, senón só a declaración da vítima, na que detecta moitas contradicións. Engade, mesmo, que "la propia declaración de la víctima desmantela la acusación de abusos sexuales", pois os negou nas súas primeiras comparecencias ante a Policía e no xulgado e que a súa declaración "no tiene apenas fuerza para ser considerada prueba de cargo".