Chaín celebrará a súa patroa estreando o centro sociocultural
Por Redacción
O alcalde de Ponte Caldelas, Perfecto Rodríguez, e técnicos municipais inspeccionaron os traballos de remate das obras de rehabilitación da antiga casa escola de Chaín para convertela en Centro Sociocutural de uso veciñal e cuxo presuposto de execución roldou os 100.000 euros.
Perfecto Rodríguez anunciou que a inauguración oficial deste renovado edificio por parte dos veciños o próximo día 15 de outubro, día de Santa Teresa, patroa local en Chaín.
Esta casa escola foi unha das poucas que o Concello de Ponte Caldelas non vendeu nos anos 70 e segue sendo de titularidade municipal o que propiciou que a súa rehabilitación para Centro Sociocultural puidera beneficiarse dunha subvención da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER), dependente da Consellería de Medio Rural e Mar da Xunta de Galicia, que achegou, un total de 31.300 euros para os traballos a realizar.
O resto do importe total das obras, ata completar os 100.000 euros, foi asumido polo Concello, dentro do seu Plan de Investimentos, nos presupostos de 2012 e 2013, contando para iso coa Caixa de Anticipos da Deputación, como forma de financiar o importe das obras.