Só unha de cada catro estudantes das carreiras científicas e tecnolóxicas son mulleres
Por Redacción
En menos de dous anos, segundo os expertos, o 45% dos empregos que se oferten en España estarán relacionados coas novas tecnoloxías. Pero as mulleres, que son o 54,8% dos estudantes, só supoñen o 25% do alumnado nestas titulacións técnicas.
Para combater este desequilibro, a Deputación de Pontevedra e a Universidade de Vigo acaban de lanzar a cuarta edición do proxecto Inspira STEAM, que busca potenciar as vocacións científicas e tecnolóxicas entre as rapazas da provincia.
A presidenta provincial, Carmela Silva, asegurou que a sociedade "ten que estar moi preocupada" polo que sucede coas carreiras tecnolóxicas e coa decisión das mozas na elección de carreiras universitarias porque iso "determinará cal vai ser a súa posición no mundo".
"O futuro do mundo vai estar nas mans da innovación e novas tecnoloxías e non alcanzaremos a igualdade se as mulleres non se matriculan nas carreiras STEAM, as que van vertebrar a toma de decisións", subliñou Silva, que citou diversas eivas que acrecentan esta desigualdade.
Así, pediu reflexionar sobre o que acontece ao longo do percorrido vital das nenas, dende o sistema educativo ata os propios libros de texto, con ausencia de referentes femininas, ou os medios de comunicación, onde as mulleres científicas e técnicas seguen a estar invisibilizadas.
A vicerreitora da Universidade de Vigo, Natalia Caparrini, tamén amosou a súa preocupación pola situación das mulleres nas carreiras STEAM, porque todas as profesións do futuro van demandar perfís tecnolóxicos, que son carreiras con maior futuro laboral, cunha demanda que non deixa de medrar "e o número de mulleres que optan por elas decrece cada ano".
Caparrini, que afirmou que o rendemento académico das mulleres é mellor en oito de cada dez títulos, destacou que os motivos desta situación están relacionados coa ausencia de referentes que inspiren ás mozas, cos estereotipos de xénero ou coa súa propia percepción, ao sentir que non teñen cualificación suficiente ou non van ser capaces.
A cuarta edición de Inspira STEAM terá como principal novidade con respecto ás tres anteriores edicións o lanzamento de vídeos de entre catro e cinco minutos titulados "Queres ser unha muller STEAM?", nos que mulleres profesionais do ámbito da ciencia e da tecnoloxía comparten as súas traxectorias e experiencias.
Ademais do vídeo, o 14 de xuño ábrese o prazo para inscribirse como mentora, centro ou empresa no programa e xa en setembro comezarán as formacións.
As mentoras son o "corazón" do programa, asegurou Carmela Silva, que destacou que "son mulleres que teñen grandes experiencias vitais, coñecementos e están comprometidas con cambiar as cousas e o fan de xeito totalmente voluntario".
Todas elas achéganse aos centros educativos para dar a coñecer entre o alumnado perfís de mulleres que inspiren vocacións en carreiras científicas e tecnolóxicas entre as nenas.
Abordan ao longo de seis sesións en horario lectivo temas como os estereotipos que os rodean, as profesións científico-tecnolóxicas ou mulleres referentes en ciencia e tecnoloxía. Parte da sesións son mixtas e outra parte son diferentes para nenos e para nenas, con cadanseu mentor ou mentora.