Os comuneiros de Santa Cristina estudan prohibir a circulación de quads polas pistas
Por Redacción
A Xunta Rectora da Comunidade de Montes de Santa Cristina de Cobres debatirá este luns na súa xuntanza ordinaria a posibilidade de prohibir a circulación de quads e motos polos viais forestais, despois de que a fin de semana pasada varios comuneiros localizaran un grupo de quads circulando por un cortalumes, algo taxantemente prohibido pola lei de montes.
Estudiarase nesta xuntanza a posibilidade de instalar uns sinais informativos sobre as prohibicións nas entradas dos viais forestais dende os núcleos habitados e denunciarase a aqueles que as incumplan.
César Blanco, presidente da Comunidade de Montes, recordou que estes vehículos poden chegar a producir importantes desperfectos nos viais forestais, sobre todo cando se circula a gran velocidade e dun xeito irrespetuoso co medio ambiente.
Tamén informou que a Xunta Rectora, vai autorizar o aproveitamento dos restos da tala de eucalipto que se fixo no monte comunal, unha vez que rematou o periodo de alerta máxima por perigo de incendios.
A Xunta Rectora desta comunidade de montes comunais de Santa Cristina de Cobres tamén deu conta dos traballos de roce en viais forestais que se viñeron realizando durante estas últimas dúas semanas. Foron arredor de 20 km de viais forestais do monte comunal así como a apertura de faixas cortalumes nunha superficie de 10 hectáreas na chan do Monte de Castiñeira.
Co roce destes viais, sumados aos que se fixeron o ano pasado, a práctica totalidade dos viais forestais e camiños principais que descurren polo monte comunal foron obxecto de traballos de control selectivo do combustible.
Estes traballos supuxeron un investimento de algo máis de 8000 euros, que serán subvencionados a un 80% pola Consellería do Medio Rural e do Mar dentro da orde de axudas para a prevención e defensa contra incendios forestais nos montes veciñais en man común.