O aparcadoiro do porto deportivo rexistra a maior facturación no mes de maio da súa historia
Por Redacción
Os datos de ocupación do aparcadoiro do porto deportivo de Sanxenxo durante o mes de maio son os máis altos desde a apertura das instalacións no 2005. En maio do 2021 rexistrouse unha recadación récord de 24.487 euros fronte aos 19.681 euros de maio do 2019.
Cada día do mes de maio utilizaron o aparcadoiro do porto deportivo unha media de 354 vehículos, uns niveis de uso que se incrementaron na segunda quincena do mes ao alcanzar unha recadación de 15.568 euros polos 8.917 euros da primeira.
A mesma tendencia rexistra o consumo de auga, o pasado mes de maio alcanzou os 161.738 metros cúbicos fronte aos 157.009 metros cúbicos que se consumiron en maio de 2019, antes da pandemia. A suma da xeración dos distintos residuos: orgánico, envases, vidro, papel e voluminosos; alcanzou no devandito mes 826.310 quilos fronte aos 915.940 quilos de maio do 2019, o que supón unha redución do 10 %.
"Se hai só un mes nos din que imos empezar a tempada alta batendo o record de recadación do parking dende a súa apertura ou que se iban superar as cifras de consumo de auga do 2019 non nolo tiveramos crido", indica o alcalde, Telmo Martín.
O goberno local interpreta este feito como un sinal máis que se suma a outras que apuntan a que Sanxenxo pode ter un gran verán para a actividade turística. “Agardamos que sexa así porque o sector turístico, hostalería, hoteis, apartamentos, comercios… merecen empezar a recuperar o perdido durante a pandemia”, sinala Martín.