Pulpeiros, ante a polémica pola súa actividade en Pontevedra: "Levamos vindo máis de 30 anos e nunca nos puxeron impedimento ningún"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
A polémica que nos últimos días rodea a actividade dos 'pulpeiros' que preparan e serven o seu produto no exterior de distintos establecementos de hostalería de Pontevedra non impediu que este mércores dous deles se instalasen no lugar que ocupan desde fai máis de tres décadas na cidade. Trátase de Víctor e Laura, chegados desde O Carballiño e que lembran que "levamos vindo máis de 30 anos e nunca nos puxeron impedimento ningún".
O seu testemuño recolle o sentir maioritario do sector, que está sorprendido pola polémica que se xerou por mor de que unha veciña denunciase ao 'pulpeiro' instalado en Cruz Gallástegui e un hostaleiro enfadado acabase percorrendo toda a cidade para alertar á Policía Local dos puntos nos que se vendía polbo desta forma. Segundo indicaron a PontevedraViva fontes do sector da hostalería, este hostaleiro chegou a alertar da presenza de 14 'pulpeiros', aínda que tan só tres foron finalmente denunciados.
Este mércores, tras saltar a polémica, tamén se referiu á mesma Eva Vilaverde, concelleira de Seguridade Cidadá de Pontevedra, que quixo aclarar que "todo partiu dunha denuncia particular e en ningún caso o Concello de Pontevedra está actuando de oficio en contra deles nin nada que se lle pareza". Así, insistiu en que a Policía Local recibiu unha denuncia e está obrigada a realizar as comprobacións oportunas e trasladar a información recollida ao departamento municipal correspondente para que valore se se abre expediente sancionador.
Eva Vilaverde explicou que "existe un problema co marco normativo", pois a Lei de Comercio Interior da Xunta de Galicia impide en Pontevedra e en todos os concellos da comunidade "regularizar con carácter xeral a venda ambulante de alimentos na rúa". De haber modificación desa norma, o Concello "poñerase a traballar para incluíla nas nosas ordenanzas", pero ata que iso pase, non autorizarán a actividade dos 'pulpeiros' se non está relacionada con feiras ou festas.
A concelleira mantivo un contacto co sector dos 'pulpeiros' este mércores. Tras ese contacto, desde a asociación de 'pulpeiros' do Carballiño trasladaron a PontevedraViva que a responsable municipal foi "receptiva". Segundo a versión dos 'pulpeiros', falouse da necesidade de regularizar a súa situación e eles mostráronse partidarios de facelo, pois xa sabían que a súa actividade non estaba regulada e queren que si o estea para desenvolver o seu traballo con garantías e seguridade.
Víctor Pereira asegura que "nós non nos negamos a pagar, pero eles teñen que regular". Ademais, indica que hai moitos municipios que teñen unha ordenanza reguladora en función da que eles piden autorización municipal, pagan unha taxa e teñen permiso para montar os seus postos. No seu caso, traballa e paga taxas en Carballiño, Ourense, Lalín, Xinzo e Verín e traballa neles todos os días da semana, un diferente en cada un. En Pontevedra, sitúanse dous días diferentes en dous locais de distintas prazas.
"A xente pon todo o ano practicamente, cada día tes un sitio", indican, e aseguran que non só os días de feiras ou festas. En Lalín, por exemplo, instalan todos os luns e tamén os días de feira e esta actividade axúdalles a salvar a súa economía nestes momentos nos que, pola ausencia de festas pola pandemia, a súa actividade reduciuse moito.
Ademais, aseguran que eles contan con todo tipo de documentación que acredita que realizan unha actividade legal, desde certificados de estar ao día coa Seguridade Social ou Facenda ao recibo de autónomos, a licenza fiscal que rexe a súa actividade, un seguro de responsabilidade civil ou un carné de manipulación de alimentos.
Tras esta polémica, Víctor e Laura instaláronse, pero hai outros moitos 'pulpeiros' que xa a fin de semana pasada -as denuncias son de hai dúas semanas- optaron por non facelo ante a falta de seguridade de poder realizar a súa actividade. A situación enfada aos hostaleiros, que apuntan a que en moitos casos levan décadas colaborando para servir o polbo e que, en plena crise económica derivada da pandemia, axúdalles a manter o seu negocio.
"Paréceme fatal que leven tantos anos traballando con nós e que agora haxa tanta polémica. Non o entendo, non me entra na cabeza",lamenta Ángeles, dona dun dos bares nos que este mércores se instalaron Víctor e Laura.
Relacionadas:
-
Varias denuncias pola actividade dos 'pulpeiros', considerada ilegal en Pontevedra
Por Natalia Puga | Creada e actualizada