O castro do monte Güimil quere poñerse en valor
Por Redacción
Desde o luns 7 persoal experto en arqueoloxía realiza escavacións no castro do monte Güimil, na parroquia de Agudelo, coa intención de dar valor a esta zona dentro da actuación xa finalizada para crear un parque forestal en toda esta contorna con importantes dimensións paisaxísticas, patrimoniais e naturais.
O Concello de Barro proponse con este tipo de actuacións dar visibilidade á riqueza arqueolóxica neste punto. Os expertos consideran que o xacemento ten unha dimensión de ao redor de 6 hectáreas e que se sitúa no século I antes de Cristo.
Este espazo contaba cunha posición estratéxica para controlar a vía romana XIX e ademais permitía un control visual dunha parte moi ampla do territorio, chegando mesmo á Ría de Arousa.
Por este motivo, o castro mantiña un lugar central en relación con outros castros da contorna e ademais están a investigar se foi fundamental na distribución de materiais. A Deputación de Pontevedra colabora co Concello de Barro neste proxecto cunha subvención de máis de 5.433 euros para sinalizar e rehabilitar o patrimonio histórico e cultural.
Xosé Manuel Fernández Abraldes, alcalde de Barro, achegouse por este enclave e recoñeceu que se está atendendo un desexo de boa parte da veciñanza para dar a coñecer este espazo tanto desde un punto de vista patrimonial como paisaxístico.